O talento innovador das novas xeracións vai ser o protagonista desta fin de semana en Pontedeume. Serao da mano do Club Tecnolóxico Horizontec, que este sábado 4 de xuño organiza na Casa da Cultura da vila coruñesa a presentación final de proxectos, partir das 19:00 horas. O obxectivo deste club é “empoderar tecnoloxicamente a mocidade da comarca e desenvolver a súa paixón por atopar solucións innovadoras aos retos reais do presente e o futuro”.
Horizontec leva desde o pasado febreiro apoiando a mozos e mozas de entre 13 e 16 anos residentes na zona de Ferrolterra para o desenvolvemento de proxectos de carácter tecnolóxico.
O club iniciouse co apoio do Concello de Pontedeume, ao abeiro da súa Aula CeMIT.
Tres claves
Pensamento analítico, comunicación e xestión da incerteza imperante no mundo real foron tres das claves deste proxecto, que busca demostrar aos adolescentes que “poden construír o futuro que desexen”, axudando deste xeito a materializar un futuro na comarca mediante o traballo cooperativo en proxectos avanzados.
“Buscamos que as rapazas e rapaces crean que poden facer algo que lles guste. Necesitarán ferramentas e percorrido para facelo, así que llelos facilitamos a través de proxectos que lles ilusionen. Ás veces non saen ben, pero aprendemos da experiencia”, indica Pablo Botas, fundador e director de Horizontec, engadindo que “a comarca necesita que as seguintes xeracións cambien as cousas e para iso temos que traballar distinto a como se fixo ata agora. O dominio da tecnoloxía é importante, pero ter confianza e saber manexar situacións complexas é máis importante aínda”.
Deste xeito, o vindeiro sábado, os alumnos e alumnas que participaron no obradoiro mostrarán os proxectos desenvolvidos neste tempo, como un espertador para persoas con problemas auditivos, unha maqueta de pavillón de baloncesto robotizado ou un sistema de tracking de xogadoras de baloncesto. Ademais, contarase coa colaboración de Javier Bosch, presidente de NBN23, a solución de estatísticas dixitais de baloncesto máis avanzada do mercado.

