A Cámara de Comercio de Santiago organiza o vindeiro 10 de xuño, entre as 10.00 e as 11.15 horas, unha xornada sobre as posibilidades que abre ás empresas unha boa metodoloxía de mercadotecnia e correo electrónico. A Xornada Email Marketing: resultados e estratexias de captación será de balde e en liña, previa inscrición na web da Cámara.
A actividade formativa e divulgativa inclúe os seguintes contidos: presentación da Oficina Acelera PEME (impulsada pola entidade cameral en colaboración con Red.es), recursos para captar datos e ter unha base de datos eficiente, introdución a Mailchimp, como saber que contidos incluír nun boletín en liña, estratexias para mellorar a taxa de apertura e clics nun boletín e como interpretar as estadísticas para mellorar a eficacia de envíos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Fernando Rodríguez de la Torre, director da axencia de publicidade con C de Comunicación, profesor no Mestrado de Marketing Dixital da USC e director de BriefingGalego.com, portal de referencia do sector do marketing e a publicidade en Galicia.
A xornada abéirase á actividade da Oficina Acelera PEME da Cámara de Santiago e Red.es. As Oficinas Acelera PEME (OAP) inclúense no Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.
Todo o que precisamos saber da mercadotecnia a través do correo electrónico, nunha xornada da Cámara de Santiago
Compartir Este Artigo

