A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou este 3 de xuño na entrega dos carnés de ciberexpertos ás rapazas e rapaces (50 alumnas e alumnos de sexto curso de Primaria do CPR Salesianos-Divina Pastora de Lugo) que recibiron este curso na formación da Policía Nacional en materia de ciberseguridade.
Rodríguez lanzoulles un convite a “facer sempre un uso responsable de Internet” e tamén lles pediu que “difundan os coñecementos adquiridos sobre os perigos do mal uso das novas tecnoloxías e as redes sociais entre os seus amigos e familiares”. A rapazada asistiu este curso ás charlas impartidas polo delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga.
Isabel Rodríguez felicitou a todos os nenos e nenas que recibiron os carnés de ciberexpert@s e tamén incidiu “na importancia de concienciar aos menores sobre a necesidade de facer un uso seguro de Internet e das redes sociais, e de protexer sempre a súa privacidade”. Neste sentido, fixo fincapé na importancia de que nenos e adolescentes reciban formación sobre como deben navegar de maneira segura e responsable na Rede.
A subdelegada explicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil están a facer “un gran labor educativo nesta materia” ofrecendo charlas nos centros educativos da provincia. Un deses programas de formación é do programa Ciberexpert@, que imparte a Policía Nacional a alumnos de 6º de primaria, con charlas en varias xornadas. Durante este curso, só no concello de Lugo, foron arredor de 200 os escolares de seis centros escolares que participaron nesta actividade. Concretamente, esta formación chegou a alumnos do CEIP Manuel Mallo Mallo (Nadela), o CEIP Sacro Corazón, o CPR A Milagrosa, o CEIP de Albeiros, o CEIP Quiroga Ballesteros e o CPR Salesianos-Divina Pastora.
Os escolares recibiron formación en materia de identidade dixital, netiqueta, redes sociais, suplantación de identidade, ciberacoso, sexting, grooming e tecnoadicións, entre outras cuestións. Co desenvolvemento deste programa, a Policía Nacional trata de sensibilizar e formar aos menores co obxectivo de minimizar os riscos que poden atopar no uso cotián do TIC. Tamén se pretende familiarizar aos menores e ao seu contorno educativo e familiar no uso de ferramentas para unha navegación máis segura e capacitar aos escolares no uso seguro das redes sociais.
Medio cento de estudantes do CPR Salesianos-Divina Pastora de Lugo recibiron o carné de ciberexpertos
Compartir Este Artigo

