A primeira edición duinha actividade formativa única en Galicia, o Curso de especialista en ciberseguridade industrial, clausurouse este 15 de xullo. Foi unha estrea marcada pola súa boa acollida, que conseguiu cubrir todas as prazas. O edificio Miralles acolleu o acto de peche que contou coa participación do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e o director do curso, José Ignacio Armesto e con tres relatorios formativos da man de José Ramón Castro Silva, director xeral de Digital Industries de Siemens sobre os retos da industria na España 5.0; Juan Jesús Pardo Expósito, director técnico e de negocio de Tecdesoft, que falou sobre ciberseguridade industrial e skills; e Antonio Fernandes, responsable de ciberseguridade de FINSA, que se centrou no cibercrime e a industria.
Segundo explicaron no acto, este curso foi concibido para “tender pontes entre o perfil formativo industrial e o das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) nun contexto de dixitalización das plantas industriais, tratando de dar resposta ás necesidades do mercado laboral, que demanda para a Industria 4.0 profesionais cun maior nivel de cualificación tecnolóxica”.
Na apertura do acto, o vicerreitor quixo agradecer a colaboración das empresas nesta iniciativa, xa que a docencia recae por unha banda en profesorado das escolas de Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e, por outra, e profesionais de compañías como Siemens, Muutech, Microsoft, Inprosec, Gadisa, Accenture, Nueva Pescanova ou Tecdesoft Automation.
O coordinador do curso, José Ignacio Armesto, fai un balance “moi positivo” desta primeira edición, “cuxas probas de avaliación e presentación dos traballos de fin de curso estanse a desenvolver entre esta semana e a próxima”. Segundo dixo, o feito de “ter cuberto todas as prazas que se ofertaban é consecuencia, destaca, de que en Galicia non existía ningunha formación específica no eido da ciberseguridade na contorna industrial, a pesar de que o informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG sinala este sector como un dos nichos laborais de futuro”.
O curso está orientado a actualizar os coñecementos dos profesionais do eido industrial e tamén formar novos especialistas.
A docencia, totalmente virtual a través e Campus Remoto, centrouse en achegar ao alumnado coñecementos e competencias relacionados co coñecemento da falta de protección tecnolóxica nas contornas industriais e “os enormes riscos que iso implica” e cos principais organismos xeradores de boas prácticas e normativas de aplicación nas distintas contornas industriais. Tamén se dirixiu a mostrar ao alumnado como aplicar a ciberseguridade nos distintos niveis das fábricas, utilizando as últimas tecnoloxías habilitadoras da Industria 4.0, capacitándoos para deseñar e despregar arquitecturas de control industrial de forma cibersegura e axudar a mitigar os riscos asociados á implantación de novas tecnoloxías na industria.
Na primeira edición do curso matriculáronse 30 persoas, cubrindo todas as prazas ofertadas no curso. Boa parte do alumnado (27) son profesionais de empresas como Cablerías Group, Maviva, Coren, VW Navarra, Digamel, Amara, Ceamsa, Endesa e Iturcemi e, atendendo á procedencia, 22 eran galegos e o resto doutras partes de España e de Latinoamérica con titulacións de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais ou ciclos superiores.
A principal novidade de cara ao próximo curso é que a docencia desenvolverase entre setembro e xuño a razón de 10 horas de docencia síncrona por semana. “Este ano foi entre xaneiro e xuño con 15 horas por semana” e isto resultou demasiado complicado organizativamente para o alumnado, recoñece Armesto. Ademais, FEUGA tamén ofrece unha bolsa que financia case na súa totalidade o prezo de matrícula para a persoa seleccionada.
A inscrición para o curso 2022-2023 está aberta ata o 10 de setembro e a matrícula ata o 15 do mesmo mes.
Pecha a súa primeira edición o curso de ciberseguridade industrial, único na nosa terra
Compartir Este Artigo

