O Concello de Lugo, ao abeiro do seu proxecto Smart City, quere tirar o máximo proveito da sensórica instalada nos contedores de reciclaxe, na iluminación pública, nas prazas de estacionamento ou nas cámaras de tráfico, entre outros elementos que constitúen “unha poderosa ferramenta para a obtención de información sobre os hábitos e comportamentos da cidadanía”, segundo fontes do Goberno local. Este vai adxudicar o subministro dunha plataforma intelixente de xestión integral que integrará todos eses datos estratéxicos da cidade e sobre os que se asentará a toma de decisións.
A licitación, da que se fará cargo Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones por un importe de 251.585 euros, terá un prazo de 12 meses para a súa instalación e outro de 2 anos para o soporte e mantemento, que poderá ser ampliado ata as 4 anualidades.
A respecto deste proxecto a rexedora Lara Méndez explicou que “esta plataforma é unha solución tecnolóxica que nos permitirá realizar unha xestión máis eficiente no fornecemento dos servizos públicos e que mesmo contribuirá a definilos novamente buscando unha reconsideración das relacións coa poboación, o resto de entidades e mesmo co tecido produtivo”.
O novo sistema, engadiu, “permitirá conectar todos os elementos e módulos habilitados, así como que se instalen proximamente e que interveñen na captura, tratamento, análise e publicación de información municipal, facilitando a súa conexión con outros sistemas actualmente operativos e mellorando a accesibilidade e a participación cidadá”.
En definitiva, os datos obtidos e as conclusións que se tiren deles “permitirán abrir novas canles de comunicación, propiciando o coñecemento transversal do estado dos servizos públicos e incrementando a súa capacidade de resposta así como a inmediatez das intervencións que se programen”, engadiu Lara Méndez ao tempo que afirmou que “se trata dun salto cualitativo para a interoperabilidade do Concello no que se tivo en conta, especialmente, a súa integración coas solucións informáticas das que xa dispoñemos”, concluíu a alcaldesa.
Esta actuación se enmarca na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.
Lugo implanta unha plataforma smart para axudar na toma de decisións municipais
Compartir Este Artigo

