A Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal lanza a segunda edición do concurso Galeguizando Tik Tok como unha das actividades coas cales festexar o 25 de xullo, Día da Patria Galega. O edil Xabier Santos (BNG) explicou na presentación que un ano máis “vólvese apostar por este certame para así fomentar o uso do galego nas novas tecnoloxías e chegar á xente nova dunha maneira lúdica”. Segundo engadiu, os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e seguir o formato da app Tik Tok.
As persoas participantes, que deben ter feitos trece anos ou máis, teranse que anotar e facer entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e estabelécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.
A data límite para a inscrición estipúlase no día 5 de agosto e, unha vez formalizada, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de remata-lo día 15 de agosto. As bases completas están ao dispor das persoas interesadas na web municipal da Pobra.
A maiores, o Concello atópase inmerso no repartimento de bandeiras galegas. A cidadanía que desexe conseguir unha pódea solicitar no propio consistorio. Outra das propostas impulsadas ó abeiro desta programación foi a presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, celebrada este 18 de xullo.
A segunda edición de Galeguizando Tik Tok repartirá dende A Pobra lotes de produtos culturais galegos
Compartir Este Artigo

