A empresa compostelá Balidea, centrada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que achega dende 2002 servizos de consultaría, desenvolvemento e integración de software e exteriorización tecnolóxica, vén de ser recoñecida como empresa global segundo o Informe Ardán, o documento de referencia que analiza a situación económica e competitiva das empresas de Galicia para coñecer o estado do tecido empresarial galego.
Este indicador referencia o grao de internalización de Balidea, salientando a cultura de orientación estratéxica cara aos mercados internacionais, a experiencia e velocidade de expansión nunha ampla diversidade xeográfica de mercados, así como o compromiso de recursos financeiros e humanos coa internacionalización.
Asemade, cómpre lembrar que Balidea xa foi distinguida anteriormente neste Informe. No ano 2017 e 2022 aparece como Empresa xeradora de riqueza. E, no informe do ano 2020, recoñéceselle cos Indicadores Ardán Empresa Innovadora e Empresa Igual en Xénero.
Dende o ano 1995, o Consorcio da Zona Franca de Vigo elabora un conxunto crecente de indicadores sobre desempeño empresarial adicados a identificar e poñer en valor a excelencia empresarial en Galicia. Estes indicadores, denominados xenericamente Indicadores Ardán, miden o desempeño das empresas en factores relacionados coa súa capacidade para competir. Entre eles, figuran a internacionalización, a innovación, a economía circular, a igualdade de xénero, ou a xestión de talento, como aspectos máis importantes. Para a elaboración destes indicadores, ponse en marcha unha enquisa de carácter anual cuxos resultados son posteriormente tratados por equipos especializados na temática e que se sintetizan no Informe Económico e de Competitividade. O dito informe tamén recompila a análise que realiza o Servizo de Información Empresarial Ardán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo, en aspectos relacionados coa información económico-financeira de máis de 35.900 empresas galegas.
Balidea recibe esta distinción de empresa global xunto con outras 61 firmas de entre este conxunto total de case 40.000 empresas analizadas.
Balidea, recoñecida polo Informe Ardán como empresa global
Compartir Este Artigo

