Do mesmo xeito que a cadea de tenda GameStop está a reducir considerablemente o seu cadro de persoal nos EE.UU., a británica GAME está a facer o mesmo no seu país de orixe, adiantando o medio Eurogamer que boa parte dos traballadores da compañía están a someterse a contratos de cero horas (modalidade laboral máis propia de franquías de comida rápida).
Aseguran que a meirande parte dos postos sen responsabilidades de dirección pasarían a contratacións sen mínimo de horas, o que supón unha grande precariedade para os traballadores, e reflicte a desconfianza da compañía a manter o seu volume de actividade.
Estas medidas irían acompañadas tamén por despedimentos, descoñecéndose polo momento cantos traballadores perderán o seu emprego en GAME nunha reestruturación do negocio que confirma o avance cara á total dixitalización do sector.
No Reino Unido GAME xa abandonou o negocio dos xogos usados, que é un dos poucos incentivos para acudir a tendas físicas, pois no territorio británico xa é máis habitual a compra de videoxogos en formato dixital, así como tamén é habitual a compra-venda de xogos usados a través de plataformas en liña.
No caso de España a situación é moi diferente, e o negocio dos xogos usados aínda ten moita forza, polo que a cadea de tendas GAME podería ter unha maior resistencia no tempo, aínda que pareza inevitable a decadencia das tendas físicas de videoxogos, que poderían converterse nunha rareza semellante ao que actualmente son, por exemplo, as tendas de discos.
GAME prepara despedimentos masivos en Reino Unido
Compartir Este Artigo

