GAME deixará o negocio dos xogos usados en Reino Unido

luns, 15 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Os soportes físicos teñen cada vez menos presenza no mundo dos videoxogos, aguantando principalmente pola presión dos establecementos comerciais especializados, que se opoñen á dixitalización total do sector polo impacto que pode ter na súa supervivencia.
Dende o punto de vista dos usuarios os xogos en soporte físico só supoñen un par de vantaxes: poder emprestar os xogos a outros usuarios e poder vender os títulos de segunda man. Pero precisamente a venda de segunda man podería minguar drasticamente nos vindeiros meses se atendemos á información que chega dende Reino Unido, onde a cadea de tendas GAME está a prepararse para cesar o seu negocio de compra-venda de videoxogos o 16 de decembro.
Dende Eurogamer aseguran que nas tendas da cadea británica están a advertir aos usuarios de que, se teñen xogos vellos na casa, só lles queda un mes para levarllos (agás que estean considerados retro, pois xa non aceptan títulos de PS2 e outras consolas anteriores).
Cómpre salientar que o negocio de compra-venda de GAME en Reino Unido non consiste en pagar por xogos usados, senón que intercambialos por crédito para facerse con outros xogos, creando así un grande ecosistema de xogos usados que beneficio ao peto dos xogadores pero prexudica aos estudios de videoxogos (que non reciben ingresos de tal operación económica da que si se benefician as tendas). Este método doado de desfacerse de xogos resulta moi práctico cando un usuario dá o salto a unha nova xeración de consolas, pois pode así desfacerse de vez dos xogos vellos para facer con títulos para a súa nova consola, facendo máis levadeiro o cambio de consola.
Dende GAME aseguran que seguen a apostar pola venda de videoxogos en formato físico, aínda que nos últimos tempos tiveron que mudar de estratexia, apostando por edicións para coleccionistas e por outros produtos relacionados co sector como poden ser xoguetes, roupa, figuras, naipes, banda deseñada e películas.
Queda agora por ver se GAME en España, que é a única grande cadea de videoxogos no noso territorio, segue os pasos da súa matriz británica, e muda as súas prácticas de cara aos xogos usados, o que podería supor un impulso para o xogo dixital.

PUBLICIDADE