Aínda que os dispositivos móbiles cada vez contan con maiores funcións de edición fotográfica sen precisar de aplicacións de terceiros, Adobe non quere deixar pasar a oportunidade de que os nosos smartphones son cada vez máis potentes para lanzar unha nova versión de Photoshop para iPhone, que busca converterse na aplicación móbil definitiva para editar imaxes, e que está previsto que ao longo do presente ano chegue tamén a dispositivos co sistema operativo Android.
O Photoshop para iPhone permite editar imaxes directamente dende a aplicación, engadir obxectos novos, efectuar axustes precisos, substituír fondos e eliminar elementos non desexados; tamén pode combinar fotografías, gráficos e imaxes de Adobe Stock, ofrece suxestións e trucos para crear imaxes fascinantes e permite engadir elementos mediante IA.
Estamos ante unha aplicación freemium, que de balde permite traballar con capas, máscaras, ferramentas de selección precisa, empregar o pincel reparador, usar o recheo xenerativo e a expansión xenerativa e moitas outras funcións interesantes, aínda que as prestacións máis avanzadas son de pagamento, como a ferramenta de borrado xenerativo ou o acceso a un catálogo de máis de 20.000 tipografías. Para gozar das funcións avanzadas hai que subscribirse ao plan Photoshop Mobile and Web, que ten un prezo de 7,99 dólares/mes ou 69,99 dólares/ano, o que tamén inclúe características adicionais no Photoshop para iPad e facilita o acceso á versión web de Photoshop.
Vídeo promocional do novo Photoshop para iPhone

