A Administración Trump fixo público o plan definitivo co que busca garantir a hexemonía dos Estados Unidos na carreira global da intelixencia artificial. Titulado Winning the AI Race: America’s AI Action Plan, o documento recolle máis de noventa accións políticas que serán implementadas nas vindeiras semanas e meses, estruturadas en tres grandes piares: acelerar a innovación, construír infraestrutura nacional para a IA e liderar a diplomacia e a seguridade internacionais.
Segundo a introdución do plan, a IA non só representa unha revolución tecnolóxica, senón que é presentada como o motor dunha nova era de «esplendor humano, competitividade económica e seguridade nacional». O documento está concibido como un itinerario para acadar a «dominación global indiscutible» dos EE.UU. nesta tecnoloxía.
Entre as medidas máis destacadas atópanse a creación de centros de datos de alta seguridade para usos militares e de intelixencia, o desenvolvemento de estándares nacionais para modelos abertos e a promoción da exportación do ecosistema completo de IA estadounidense a países aliados. O plan tamén prevé unha reforma en profundidade do sistema de permisos ambientais para facilitar a construción de infraestruturas clave como fábricas de semiconductores e novas redes eléctricas adaptadas á alta demanda enerxética da IA.
En paralelo, a Administración comprométese a eliminar regulamentacións federais que considera un freo ao desenvolvemento da IA, a promover o acceso a computación avanzada para investigadores e pequenas empresas, e a garantir que os sistemas de IA adquiridos polo goberno estean «libres de prexuízos ideolóxicos» e se axusten a unha visión obxectiva da realidade.
No eido laboral, o plan prevé medidas para formar traballadores en competencias de IA, impulsar programas de reciclaxe profesional e garantir que os beneficios desta transformación cheguen á clase traballadora americana. Ademais, búscase acelerar a adopción de IA no sector público e nas Forzas Armadas, así como mellorar a ciberseguridade das infraestruturas críticas.
Finalmente, no plano internacional, o documento aposta por consolidar unha alianza global arredor da tecnoloxía estadounidense, contrarrestar a influencia de China nos organismos de gobernanza tecnolóxica e reforzar os controis de exportación de chips e sistemas de IA a países considerados adversarios.
O plan de acción, que emana da orde executiva asinada por Trump en xaneiro para «eliminar barreiras ao liderado americano na IA», é presentado como unha resposta decidida fronte aos riscos de perder a vantaxe estratéxica nesta tecnoloxía, e para a súa difusión teñen xa unha páxina web con dominio de seu na que dan conta das iniciativas gobernamentais no ámbito da IA.
A Casa Branca anuncia o seu plan de acción para a IA
Compartir Este Artigo
