Microsoft acaba de presentar o Modo Copilot, unha nova función experimental do navegador Edge que introduce a intelixencia artificial de forma integrada na experiencia de navegación. A compañía define esta novidade como un cambio de paradigma que transforma o navegador nun asistente proactivo, capaz de anticipar os desexos do usuario, simplificar tarefas e reducir a fragmentación habitual provocada por múltiples lapelas abertas.
Ao activar este modo, os usuarios acceden a unha interface máis limpa e simplificada, cun único campo que combina busca, navegación e chat, e que permite realizar accións por voz. Copilot pode ver (co consentimento explícito do usuario) todas as lapelas abertas para axudar a comparar opcións, extraer información relevante ou suxerir os seguintes pasos nun proxecto.
Microsoft tamén traballa en funcións máis avanzadas, como a posibilidade de realizar reservas ou compras en nome do usuario, usando información contextual como o historial de navegación ou as credenciais gardadas. En paralelo, Copilot facilitará o seguimento de tarefas pasadas organizando a navegación en viaxes temáticas, como investigar sobre negocios en liña ou preparar unhas vacacións.
Esta nova experiencia está dispoñible de balde, por tempo limitado, para os usuarios de Edge en Windows e Mac nos mercados onde xa funciona Copilot e, aínda que oficialmente non está dispoñible en galego, permite interactuar na nosa lingua sen problema (aínda que funcións como a tradución do audio de vídeos só funciona nuns poucos idiomas). A activación é opcional e pode desactivarse en calquera momento desde a configuración do navegador.
Microsoft insiste en que a privacidade continúa sendo unha prioridade. A compañía asegura que os datos recollidos só se empregan para mellorar o servizo e que o usuario terá sempre o control sobre o que se comparte, con indicacións visuais claras cando Copilot estea activo.
Con este lanzamento, Microsoft busca redefinir o papel do navegador na era da intelixencia artificial e anima os usuarios a probar o Modo Copilot e enviar as súas impresións para seguir afinando a ferramenta.
Vídeo promocional do Modo Copilot do Microsoft Edge

