Sony Interactive Entertainment presentou unha demanda por infracción de dereitos de autor e marca rexistrada contra Tencent no Tribunal Federal do Distrito Norte de California, acusando ao xigante tecnolóxico chinés de copiar elementos distintivos da súa coñecida serie de videoxogos Horizon, cualificando o título de Tencent, Light of Motiram, como un clon servil.
Na denuncia, presentada o venres pasado, Sony asegura que o novo xogo de Tencent reproduce mecánicas de xogo, temas narrativos e elementos artísticos de Horizon: Zero Dawn, lanzado pola compañía xaponesa en 2017 para PlayStation 4, e que segue a historia de Aloy, unha muller roiba que sobrevive nun mundo postapocalíptico habitado por tribos humanas e animais robóticos.
Segundo Sony, a empresa rexeitou o ano pasado unha proposta de Tencent para colaborar nun novo proxecto baseado na saga Horizon. Pouco despois, Tencent anunciou Light of Motiram, que presenta múltiples semellanzas co seu título, ata o punto de que medios especializados cualificaron o xogo como un plaxio, como indicamos en novembro de 2024.
Na súa demanda, Sony solicita unha orde xudicial para deter a publicación e distribución de Light of Motiram, así como danos económicos, destrución de material promocional e o pagamento das costas xudiciais. Reclama tamén medidas para evitar que Tencent utilice imaxes ou elementos que poidan inducir á confusión co personaxe de Aloy, considerado pola empresa como marca común de facto pola súa notoriedade e uso constante desde 2017.
A compañía asiática aínda non se pronunciou oficialmente sobre a demanda. Con todo, segundo Sony, Tencent ten previsto lanzar o xogo en probas globais nas vindeiras semanas, o que precipitou a acción legal para evitar o que considera danos irreparables á súa propiedade intelectual.
Último tráiler de Light of Motiram

