Google acaba de dar un novo paso na integración da intelixencia artificial coa creatividade persoal coa incorporación dunha funcionalidade que permite crear contos personalizados dentro da súa aplicación Gemini. A través dunha simple descrición, a ferramenta xera libros dixitais de dez páxinas ilustradas, con arte personalizada e narración en voz alta, dispoñibles en máis de 45 idiomas.
A nova opción permite que calquera usuario poida dar forma a unha historia desde cero, elixindo non só o contido, senón tamén o estilo visual: desde pixel art, banda deseñada ou stop motion con plastilina, ata deseños tipo libro para colorear ou simulando labor de gancho. A experiencia é altamente personalizable, xa que é posible incorporar fotografías e arquivos propios como punto de partida ou fonte de inspiración para as ilustracións, dándolle un toque único e íntimo ao resultado final.
O obxectivo non é só o entretemento, senón tamén a aprendizaxe e a educación emocional. Así, un pai pode pedir que Gemini cree un conto que explique o sistema solar a un neno de cinco anos, ou que ensine a importancia da empatía entre irmáns a través dunha historia protagonizada por un elefante, se ese é o animal favorito do seu fillo. Tamén se pode dar vida a debuxos infantís ou transformar as fotos dunha viaxe familiar nunha aventura máxica e inesquecible.
A nova funcionalidade xa está dispoñible a nivel mundial, tanto na versión de escritorio como en dispositivos móbiles, incluso en galego.
Vídeo no que presentan a nova funcionalidade de Gemini
