Microsoft vén de anunciar un avance decisivo na súa estratexia de desenvolvemento de intelixencia artificial, coa presentación de dous modelos de linguaxe desenvolvidos internamente. A través da división Microsoft AI (MAI), a compañía reafirma o seu compromiso cunha tecnoloxía centrada nas persoas, accesible, responsable e orientada a mellorar a vida cotiá, e demostra que a súa aposta pola IA non se limita a OpenAI.
O primeiro modelo, MAI-Voice-1, destaca pola súa capacidade expresiva e natural na xeración de voz. Xa está integrado en servizos como Copilot Daily e Podcasts, e tamén se pode probar como experiencia experimental en Copilot Labs. Esta ferramenta permite crear audio de alta fidelidade en tempo real, mesmo en escenarios con múltiples interlocutores. A súa eficiencia técnica é notable: pode producir un minuto de audio en menos dun segundo utilizando unha única unidade gráfica de procesamento (GPU), o que o sitúa entre os sistemas de voz máis avanzados e rendibles do mercado.
En paralelo, Microsoft iniciou as probas públicas de MAI-1-preview, o seu primeiro modelo fundacional adestrado de xeito integral. Este modelo, baseado nunha arquitectura de expertos combinados, foi desenvolvido con arredor de 15.000 GPU nVIDIA H100 e está orientado a ofrecer respostas útiles e precisas a peticións textuais diversas. A súa implementación progresiva en Copilot permitirá recoller impresións dos usuarios e perfeccionar o seu rendemento.
Ambos modelos forman parte dunha visión máis ampla que busca artellar un ecosistema de intelixencia artificial adaptable ás necesidades específicas de cada persoa e organización. Microsoft aposta por unha combinación de modelos especializados que dean resposta a intencións diversas, abrindo así novas posibilidades para a interacción humano-máquina.
Microsoft presenta dous modelos de IA desenvolvidos internamente
Compartir Este Artigo

