Nos últimos meses Starlink experimentou un grande crecemento en España como unha solución de conectividade para localizacións nas que non é posible conectarse á Internet mediante fibra óptica, ata o punto de poder ter superado o medio millón de usuarios, e pasada esta fase de crecemento con ofertas moi agresivas, agora chega o momento de axustar as tarifas para incrementar os ingresos.
O servizo de acceso á Rede mediante satélites de baixa altura pasou de ter dúas tarifas residenciais a ter tres, polo que agora a tarifa máis económica, de 29 euros/mes, limita a velocidade de descarga a 100 Mbps (a subida é de 15-35 Mbps), mentres que a tarifa de 39 euros/mes limita a velocidade a 200 Mbps. A terceira tarifa residencial, que sería a que non tería limitacións de velocidade (ata un máximo de 400 Mbps, aínda, mentres que a velocidade de subida estaría entre os 20 e 40 Mbps) e ofrecería unha conexión prioritaria, ten un prezo de 59 euros/mes.
O que si fan dende Starlink para que as súas tarifas resulten atractivas e ofrecer o router Starlink Mini sen custo adicional (tendo que devolverse en caso de cancelación do servizo) na tarifa máis económica, un router Starlink Gen 3 na tarifa de 200 Mbps e, no caso do plan residencial máis caro, inclúese tamén un Mini Mesh de balde, facilitando así unha mellor cobertura Wi-Fi no fogar.
Aínda que inicialmente poderiamos pensar que este novo esquema de tarifas se aplicaría para usuarios novos, Starlink está a comunicar aos seus clientes as novas condicións, de xeito que se queren manter unha velocidade elevada deberán saltar a unha tarifa cun prezo superior.
Starlink modifica as súas tarifas en España
Compartir Este Artigo

