Seguen as novidades do programa do Carballo Interplay (CIP), festival galego de contidos dixitais e webseries referente a nivel estatal. Segundo informou a organización, incorporáronse á programación da súa 13ª edición dúas novas actividades centradas na creación de contido en galego e na reflexión crítica sobre o uso das redes sociais: a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo.
As dúas propostas, de entrada libre, celebraranse o xoves 16 de abril no Mercado de Carballo e contarán coa asistencia de máis de 350 alumnas e alumnos de centros de ensino de Carballo, Malpica, Cambre, A Coruña e Oleiros.
A primeira das citas será Sobrevivir en galego nas redes sociais, ás 11.00 horas, unha conversa entre Prado Rúa e Konachadas arredor da experiencia de crear contido na lingua propia nun contexto marcado polos algoritmos, o hate, as oportunidades de visibilidade e a relación co público. A sesión abordará, desde unha perspectiva directa e próxima, algúns dos condicionantes que atravesan hoxe a presenza do galego nas plataformas dixitais.
Prado Rúa é un proxecto nacido en 2020 da man dunha creadora que atopou nas redes un espazo para compartir cultura, humor e tendencias desde unha identidade galega propia. Pola súa banda, Konachadas é o proxecto persoal de Nuria Grandío, profesional da creatividade e da publicidade, recoñecido en 2025 co premio Youtubeiras+ á Creación de Contido.
A organización do CIP lembra que esta actividade enmárcase nun contexto no que a presenza do galego entre a infancia e a mocidade continúa a retroceder. Recorda que “segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, só o 16,2% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos fala habitualmente galego, mentres que case un terzo das persoas menores de 15 anos declara non sabelo falar ou falalo pouco ou nada”. Neste escenario, sinala o CIP, “o apoio á creación e ao consumo de contido dixital en galego convértese nunha ferramenta relevante para a visibilización e a normalización da lingua entre as novas xeracións”.
O Carballo Interplay vén desenvolvendo nos últimos anos un labor continuado de apoio, difusión e recoñecemento ao ecosistema galegofalante na Rede, tamén a través dos seus premios ao Mellor Creador ou Creadora, á Mellor Canle e do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego.
A continuación, ás 12.00 horas, celebrarase o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo, creadora e estratega en teta&teta e referente en comunicación política e cultura dixital. A actividade analizará como funcionan hoxe a cultura, os medios e o discurso político nas redes sociais, e ofrecerá ao alumnado ferramentas para identificar cando unha mensaxe busca xerar un cambio real e cando queda só na aparencia ou no uso superficial de determinadas causas. Así, abordaranse conceptos como o greenwashing, o pinkwashing ou o activismo performativo, ao tempo que se proporá unha reflexión sobre como empregar as plataformas desde a conciencia social, o pensamento crítico e a responsabilidade.
Prado Rúa e Konachadas participarán no CIP nunha conversa sobre creación de contido en galego
Compartir Este Artigo

