A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e a delegación en Galicia da Ellas Vuelan Alto, entidade que fomenta a igualdade no sector aeroespacial, organizaron o pasado venres 27 de marzo a mesa redonda Retos espaciais desde a innovación e a ciencia. Nela, representantes de diferentes entidades que forman parte do ecosistema espacial dialogaron sobre como “Galicia, España e Europa afrontan os desafíos dun sector espacial cada vez máis competitivo e tecnolóxico”.
A xornada arrancou cunha benvida a cargo de Silvia Vela, directora legal e de expansión de EVA e responsable da delegación en Galicia desta entidade, que puxo en valor a relevancia da temática abordada nesta sesión. Seguiulle a apertura a cargo de Eva D. Castro, presidenta de ONU Mujeres España, que destacou, entre outros aspectos, a importancia de fomentar a participación das mulleres tamén no sector espacial, apuntando que “non hai innovación sen igualdade nin futuro máis sostible sen xustiza”.
A mesa estivo moderada por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus, que lembrou que a actividade foi pensada para dar a coñecer a entidades e estudantado interesado como se están enfrontando os desafíos dun sector espacial cada vez máis competitivo, tecnolóxico e esencial para a vida cotiá, e para ver o potencial que España e Galicia teñen nel tanto desde a innovación como desde a ciencia. Fixo fincapé “no desenvolvemento espectacular que está a vivir o sector aeronáutico”, pondo como exemplo o lanzamento, previsto para o 1 de abril, da misión Artemis II á Lúa, que, dixo, “marcará un antes e un despois na carreira espacial”, entre outros factores porque nela irá unha muller astronauta.
A idea da actividade, segundo comentou Nieves Lorenzo, foi abordar desde diferente institucións (centros tecnolóxicos, grandes e pequenas empresas e a academia) “como podemos cooperar entre todos para afrontar os desafíos que ten o sector espacial e como podemos posicionar España e Galicia neles”. Neste mapa de actores, a directora apuntou que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo forma “talento que no futuro traballará neste sector e contribuirá ao seu desenvolvemento”. Polo que respecta aos grandes retos do sector citou a igualdade, “pola que desde un primeiro momento loitamos desde a nosa escola, xa que precisamos a visión e o talento tanto feminino como masculino para desenvolver este sector”.
No encontro interviron Isabel Pérez (catedrática da Universidad Politécnica de Madrid e ex directora de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Axencia Espacial Española); Yanina Hallak (CEO e cofundadora da empresa galega UARX); Isabel Burdon (do centro tecnolóxico Gradiant) e Daniel Franco (responsable de Innovación Empresarial de Airbus en España). A primeira en intervir foi Isabel Pérez, que entre os grandes desafíos espaciais incidiu na sostibilidade, “a sostibilidade na órbita baixa, que está superpoboada, o que pon en risco desde a operativa de satélites que están en órbita (que poden sufrir risco de colisións) ata a calidade atmosférica, porque moitos dos obxectos reentran nas capas altas da atmosfera”. Ante esta superpoboación, apuntou que “hai que tomar medidas a nivel global e esas medidas hai que implementalas”, lembrando que terán un custe que repercutirá no desenvolvemento dos programas.
Unha mesa redonda abordou no Campus de Ourense os retos do puxante sector espacial
Compartir Este Artigo

