Vitae Consultores organiza este mes de maio un curso formativo sobre IA segura nas empresas que será impartido por un dos grandes expertos galegos (e estatais) na confluencia entre o tecnolóxico, o legal e o xudicial: o avogado Víctor Salgado, colaborador habitual de Código Cero e socio do bufete Pintos & Salgado, do que é co-fundador. Estamos a falar do curso Uso da IA sen riscos: marco legal para RR HH e a empresa. Desenvolverase os días 12 e 14 de maio, e terá seis horas de duración. As sesión serán gravadas para que as persoas asistentes poidan consultalas de xeito ilimitado unha vez rematadas.
Vitae e Víctor Salgado explican que a intelixencia artificial está a incorporarse rapidamente a procesos empresariais como a selección de persoal, a avaliación do rendemento ou a toma de decisións, pero, con todo, “o seu uso expón importantes implicacións xurídicas en materia de protección de datos, dereitos fundamentais, discriminación e responsabilidade empresarial”.
Este curso ofrece unha visión clara e práctica do marco legal con aplicación á IA na empresa, con especial atención ao Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, o RGPD e a normativa laboral, proporcionando criterios para utilizar estas ferramentas con seguridade xurídica.
Os obxectivos da actividade formativa son comprender o impacto da IA na contorna empresarial, coñecer o marco normativo aplicable á IA, identificar as implicacións legais do uso da IA en Recursos Humanos, aplicar criterios de cumprimento en protección de datos e xestión de riscos e adquirir pautas prácticas para o uso consciente e seguro da IA na empresa.
A persoa encarga de impartir os contido será Víctor Salgado, avogado especializado en dereito dixital, protección de datos, ciberseguridade e regulación tecnolóxica desde hai máis de 25 anos.
É socio director do bufete de avogados Pintos & Salgado, firma de referencia en Dereito TIC, profesor de Dereito Informático e relator habitual en foros académicos e profesionais sobre Internet, protección de datos e intelixencia artificial. Conta cunha traxectoria de especialización nestas materias desde 1997, formación avanzada en RGPD e intelixencia artificial e diversas certificacións e recoñecementos profesionais no ámbito xurídico-tecnolóxico.
Vitae e Víctor Salgado mostran nun curso como garantir unha IA segura e útil na nosa empresa
Compartir Este Artigo

