Máis de medio centenar de estudantes da ESO do IES Lamas de Abade de Santiago participaron este martes 28 de abril a quinta edición da xornada Somos Cibernéticas, que organiza anualmente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), co obxectivo de fomentar o aumento de vocacións femininas nas carreiras relacionadas coas tecnoloxías.
A sesión foi inaugurada por Pili Chapela, directora xerente de Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, sociedade pública da Xunta encargada de xestionar e manter as infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade.
Chapela lembrou que “soamente unha de cada catro persoas que estudan carreiras tecnolóxicas é muller e animou ás alumnas asistentes a contribuír a reverter esta situación”.
Somos Cibernéticas ten como obxectivo principal “fomentar o aumento do talento feminino no ámbito da ciberseguridade, explorar as diferentes opcións profesionais neste sector e reducir a fenda dixital de xénero nas carreiras científicas e tecnolóxicas”.
A actividade está dirixida principalmente a alumnado do 4º curso da ESO.
Durante a xornada desenvolveuse unha mesa redonda na que tres mulleres con cargos de responsabilidade relacionados coa ciberseguridade compartiron a súa experiencia. Ao final da mañá, desenvolveuse un escape room, na que equipos de entre 5 e 7 participantes resolveron retos colaborativos nunha misión de ciberdefensa.
AMTEGA impulsa as vocacións tecnolóxicas femininas na ESO
Compartir Este Artigo

