David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, presentou este martes 26 de maio os detalles dos Premios Ardan, que cada ano outorga o CZFV para premiar a excelencia empresarial galega. Distinguirase (entre outras) varias firmas TIC da nosa terra: Torus Software, Quobis Networks, Optare Solutions ou Velneo.
A gala, dixo, será o vindeiro xoves 4 de xuño ás 19.00h no Palacio de Congresos Mar de Vigo. “Os Premios Ardán son unha ferramenta de referencia, dixo Regades, empresas capaces de destacar en ámbitos decisivos como a solvencia, o crecemento, a rendibilidade, a produtividade, a innovación, a internacionalización, a sustentabilidade, o talento ou a igualdade”.
Este ano serán 14 as compañías premiadas con 5 e 4 indicadores de excelencia. 9 delas están na área de Vigo, 1 en Lalín, 1 no Grove, 2 na provincia da Coruña e 1 na de Ourense. CEAMSA no Porriño; CUVIDASA en San Cibrao das Viñas; HERMASA en Vigo; RodaVigo en Mos; Torus Software da Coruña; CZ Vaccines no Porriño; e INASUS de Lalín, presentan 5 indicadores ARDAN.
Pola súa banda, con 4 indicadores conseguen o Premio Ardán as empresas Optare Solutions, de Vigo; Borgwarner Emissions, de Vigo; Grupo Bermúdez de Carral, A Coruña; ICTEL Ingenieros, de Vigo; o Náutico de San Vicente, do Grove; Quobis Networks do Porriño; e Velneo, do Porriño. Ademais, Abanca será galardoada co Premio Especial á Traxectoria Empresarial.
David Regades felicitou ás 14 empresas galegas. “Unhas repiten e outras chegan por primeira vez. Son de sectores distintos e teñen tamaños e traxectorias diferentes. Hainas industriais, tecnolóxicas, loxísticas, ou de servizos; consolidadas ou máis novos; con forte implantación local ou con presenza internacional. Con todo, todas comparten trazos esenciais: rigor na xestión, capacidade de adaptación, ambición para mellorar e vontade de competir facendo as cousas ben”.
O delegado tamén sinalou que “no caso de Abanca, a súa traxectoria reflicte unha xestión eficiente, visión estratéxica e compromiso coa mellora continua, contribuíndo de forma decisiva ao progreso económico e á creación de emprego en Galicia. Este premio, dixo, recoñece unha traxectoria, unha capacidade de transformación e unha contribución sostida ao desenvolvemento económico”.
Na comparecencia tamén participou a responsable do Servizo Ardán en Zona Franca, Susana Lama, que apuntou que “as empresas distinguidas representan unha parte especialmente dinámica e competitiva da economía galega. Concentran unha capacidade diferencial para crear emprego, incrementar valor engadido, salarios máis elevados e niveis de rendibilidade superiores á media. Moitas delas son ademais compañías altamente especializadas, cunha forte orientación á innovación e á internacionalización, mellorando a posición competitiva de Galicia desde sectores e mercados moi diversos”.
Pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo o foco destes galardóns que se entregan cada ano no potencial das compañías establecidas no territorio. “Os premios Ardán recoñecen a excelencia empresarial da área de Vigo”, dixo.
Os Premios Ardán distinguirán a 14 empresas de excelencia e máis a Abanca pola súa traxectoria
Compartir Este Artigo

