Usuarios de teléfonos Motorola descubriron un comportamento anómalo na aplicación Smart Feed preinstalada en varios dispositivos recentes da marca propiedade da chinesa Lenovo, que estaría interceptando a apertura de Amazon para redirixir os usuarios cara ligazóns con códigos de afiliación. O problema foi identificado inicialmente por un propietario dun Razr 60 Ultra, que comprobou como ao premer sobre a aplicación de Amazon desde o caixón de aplicacións se abría brevemente o navegador antes de regresar novamente a Amazon mediante unha ligazón afiliada.
A investigación publicada en Reddit apunta a que o sistema realiza consultas a devicenative.com, un servizo relacionado coa publicidade integrada en dispositivos móbiles, para obter os códigos de afiliación e decidir que aplicacións deben ser interceptadas. O comportamento atribúese a Smart Feed, unha aplicación de sistema oculta que Motorola instala por defecto nalgúns dos seus terminais.
9to5Google conseguiu reproducir parcialmente o problema nun Razr Fold de 2026 coa versión 2.03.0070 de Smart Feed, mentres que modelos con versións anteriores non amosaban ese comportamento. Segundo as súas probas, a redirección só se produce ao abrir Amazon desde o lanzador de aplicacións e non desde accesos directos situados na pantalla principal.
A publicación tamén sinala que o URL intermedio empregado para a redirección pertence ao dominio kira-abboud.com, vinculado aparentemente a unha influente de moda, aínda que os códigos de afiliación empregados non coinciden cos utilizados publicamente por esa creadora de contido. Esa circunstancia alimentou as sospeitas sobre a orixe real da integración, que semella corresponder a unha alteración introducida por terceiros (especialmente se temos en conta o absurdo que resultaría que Motorola fixese este tipo de prácticas en móbiles que custan preto dos 2 mil euros).
Motorola aínda non ofreceu explicacións sobre o incidente, polo que, mentres tanto, a recomendación para evitar este comportamento consiste en desactivar Smart Feed desde o apartado de aplicacións do sistema, unha medida que aparentemente elimina as redireccións sen afectar o funcionamento xeral do dispositivo.
Unha aplicación preinstalada en móbiles de Motorola engade códigos de afiliación de Amazon
Compartir Este Artigo
