O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na sinatura do Pacto Dixital de Galicia 2026, unha iniciativa destinada a reforzar a colaboración entre administracións e empresas para impulsar unha Galicia máis moderna, competitiva e con maior soberanía tecnolóxica. «Esa colaboración público-privada hai que facela realidade e comprensible para toda a sociedade. A mellor forma de conseguilo é demostrar que compartimos un mesmo obxectivo e que avanzamos na mesma dirección», sinalou.
Rueda destacou que Galicia afronta actualmente unha dobre transformación, dixital e verde, na que a tecnoloxía desempeña un papel clave á hora de crear novas oportunidades económicas. Neste escenario, considerou fundamental continuar fortalecendo un tecido produtivo máis innovador e especializado, ao tempo que se reducen as desigualdades no acceso ás ferramentas dixitais. Tamén valorou que o novo Pacto Dixital, que substitúe o subscrito en 2013, conte cun respaldo significativamente maior, ao reunir 21 empresas e clústeres do sector TIC, fronte ás 12 entidades adheridas hai trece anos.
O acordo fixa como prioridades reducir a fenda dixital en Galicia, acelerar a inclusión e capacitación dixital da cidadanía, ampliar as oportunidades de negocio para o sector tecnolóxico galego, promover un espazo dixital aberto, inclusivo e seguro e favorecer a adopción de tecnoloxías innovadoras que impulsen o crecemento do ecosistema dixital da comunidade.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta repasou algúns dos avances acadados por Galicia nos últimos anos no ámbito da dixitalización. Entre eles, lembrou que foi a primeira comunidade autónoma en universalizar a receita electrónica, que a totalidade das salas de vistas xudiciais e das aulas educativas están xa dixitalizadas e que preto do 90 % dos usuarios de internet en Galicia realizan trámites coa Administración autonómica a través da sede electrónica. «Esa Galicia Calidade da que falamos ten que reflectirse como un exemplo de que aquí facemos ben as cousas e de que quen busque a excelencia atoparaa en Galicia», afirmou.
Tamén puxo en valor o posicionamento da comunidade en ámbitos tecnolóxicos emerxentes. Mencionou a aposta pola computación cuántica a través dos novos equipamentos instalados no CESGA, a futura implantación dunha das 19 fábricas de intelixencia artificial previstas en Europa e a aplicación da IA en ámbitos como a prevención e extinción de incendios forestais, a saúde ou a mellora dos servizos públicos de emprego.
Ampla adhesión do Clúster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia participou na sinatura do Pacto Dixital 2026, un acordo que actualiza o marco de colaboración de 2013 e establece unha folla de ruta ata 2030 orientada a consolidar Galicia como un territorio innovador e competitivo.
Ao pacto adheríronse empresas e entidades relevantes do ecosistema TIC galego, entre elas Altia, Coremain, DXC Technology, Gradiant, IBM, Inetum, Izertis, Minsait, NTT DATA, Oesía Networks, R, Orange, Plexus Tech, SATEC, Telefónica, Televés, Vodafone, Oracle Ibérica e Ineo, ademais de centros tecnolóxicos como o Centro Avanzado de Tecnoloxía (ATC) de Accenture.
O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, cualificou o acordo como estratéxico para o sector nun momento de aceleración tecnolóxica e salientou a súa relevancia para un ecosistema baseado no talento e con capacidade para competir a nivel europeo.
Rodríguez del Corral puxo o acento no papel da intelixencia artificial como ferramenta de transformación, destacando a oportunidade de avanzar cara modelos de administración dixital máis eficientes apoiados en tecnoloxías abertas. Defendeu tamén a necesidade de reforzar a formación especializada e a súa adaptación aos novos perfís demandados polo mercado, mediante mecanismos como as microcredenciais e a conexión directa entre capacitación e empresas.
O responsable do Clúster incidiu igualmente na importancia de consolidar o talento TIC como base do desenvolvemento tecnolóxico e de aproveitar as novas infraestruturas dixitais financiadas no marco europeo para impulsar a actividade do sector e a súa capacidade de crecemento.
