Escolares do CPI Armando Cotarelo Valedor, pertencente ao municipio coruñés de Boimorto, e un dos centros participantes no programa Recíclate con SOGAMA 2025-2026, desprazáronse a Cerceda (sede da sociedade ambiental galega) para coñecer as instalacións desta empresa pública e os seus procesos industriais, pero tamén para reforzar os seus coñecementos ao redor da reciclaxe e poñer a proba a súa bagaxe na correcta separación de residuos e o seu posterior depósito nos diferentes contedores.
Na visita transmitíuselles unha mensaxe que en boa medida xa coñecían: para conseguir os beneficios da reciclaxe (aforro de enerxía e materias primas), un paso esencial é que a cidadanía os segregue en orixe por tipos de material e que cada fracción se introduza no recipiente correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para o vidro; e contedor xenérico para resto.
Explicóuselles que, debido a que a poboación aínda comete erros, SOGAMA dispón dunha planta, que opera con tecnoloxía 4.0, para clasificar de forma automática os residuos potencialmente recicables que chegan na bolsa negra e que deberían ter sido depositados noutros contedores, procedendo SOGAMA á selección dos mesmos con tecnoloxías de última xeración para contribuír á súa recuperación.
A través de xogos tradicionais guiados por monitores e co apoio das máquinas Arcade, nas que se requiría, ademais de coñecemento, destrezas motoras e reflexos, tiveron a oportunidade de disipar dúbidas e obter información sobre as vantaxes da reciclaxe.
As máquinas Arcade de SOGAMA forman parte dunha iniciativa educativa e lúdica chamada Trash & Furious. Están instaladas na sala de recepción do Complexo Medioambiental Cerceda (A Coruña) co obxectivo de que os visitantes, principalmente escolares, poñan a proba os seus coñecementos sobre a reciclaxe de forma divertida.
Están deseñadas para xogar en equipos de dúas persoas por máquina, sumando un total de 8 xogadores simultáneos.
O alumnado de Boimorto empregou as máquinas Arcade de SOGAMA para formarse en reciclaxe
Compartir Este Artigo

