A rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago oferta nos meses de xullo e setembro un amplo programa de actividades de lecer, educativas e culturais, dirixidas a públicos de todas as idades, baixo o epígrafe Vive o Verán. O obxectivo, explicou o concelleiro Xan Duro, “non é só ofertar alternativas de ocio nos equipamentos máis próximos á cidadanía, senón tamén fomentar as relacións sociais e o tempo compartido entre os veciños e veciñas de Santiago”.
No programa inclúense diferentes propostas como roteiros, actividades sobre novas tecnoloxías, obradoiros artísticos, accións relacionadas co medio ambiente e tamén espectáculos culturais para o público infantil e familiar.
No capítulo de experiencias dixitais, haberá actividades adaptadas a públicos de diferentes idades.
Así, no Centro Sociocultural do Ensanche desenvólvese o proxecto educativo do club xuvenil Camp Tech, dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 15 anos que participen nas actividades das Cativadas de verán; pero tamén haberá obradoiros para persoas adultas os luns e mércores, de 17 a 19 horas. Neles abordaranse cuestións como a identificación de estafas, a utilización da intelixencia dixital ou a edición de fotos co móbil. Mentres, no CSC das Fontiñas desenvólvese un obradoiro para a mocidade sobre o programa de deseño Tinkercad e o programa de laminado Cura.
Santiago achega este verán obradoiros tecnolóxicos nos centros socioculturais
Compartir Este Artigo
