Startup Galicia celebrou na Nave de Vidán de Santiago a cuarta edición de Conecta Empresas, un encontro que reuniu 9 empresas galegas consolidadas do mundo da construción e 11 novas firmas innovadoras (startups), co obxectivo de impulsar a innovación aberta e contribuír á modernización do sector da construción mediante a colaboración entre compañías consolidadas e proxectos emerxentes.
Organizada por Startup Galicia en colaboración con Galicia Constrúe e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a iniciativa é en palabras das ditas entidades “unha aposta por reducir a distancia entre industria e emprendemento, creando un espazo de diálogo no que identificar oportunidades de colaboración e de negocio arredor dos principais retos que afronta o sector”.
A apertura institucional contou coa participación de Carmen Pumariño, presidenta de Startup Galicia; Pablo Vázquez, xerente de Galicia Constrúe; e Rosa Méndez, directora da Área de Innovación do IGAPE, que destacaron a necesidade de fortalecer a colaboración entre empresas consolidadas e o ecosistema emprendedor como motor de innovación, competitividade e crecemento para Galicia.
Nesta edición rexistráronse como participantes empresas como Abeiro de Rehabilitación, Casas Arraigo, Civis Global, Construcciones Ramírez, Finsa, Grupo Rodiñas, Obras y Servicios Gómez Crespo, Porexgal e Prometal Tecnoloxía e Innovación que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as solucións desenvolvidas por startups como Cargoffer, Timetime, Zebra Brain, Dokken, Metlabs, Lupeon, Nigal, Birdmind, Muutech, Docuten e Noukee.
Ao longo da mañá, as empresas presentaron os seus proxectos e participaron nun formato dinámico que combinou presentacións breves, reunións rápidas individuais e espazos de networking, favorecendo o intercambio de coñecemento e a identificación de sinerxías entre compañías de distintos tamaños e ámbitos de actividade.
A xornada puxo de manifesto a importancia de que as empresas consolidadas coñezan de primeira man o talento e a capacidade innovadora das startups e non busquen fóra solucións que se están a desenvolver en Galicia, segundo explicaron as entidades organizadoras, engadindo que “nun momento no que o sector da construción afronta importantes desafíos relacionados coa dixitalización, a industrialización dos procesos, a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a incorporación de novas tecnoloxías, a colaboración co ecosistema emprendedor constitúe unha ferramenta estratéxica para acelerar a súa transformación e reforzar a competitividade das empresas galegas”.
Como novidade desta edición, a xornada incluíu un Focus Group sobre a identificación de necesidades no sector da construción , moderado polo equipo de Designthinking.gal. Trátase dunha dinámica participativa desenvolvida coas empresas asistentes para identificar os principais retos, barreiras e oportunidades de innovación do sector.
Startup Galicia e Galicia Constrúe impulsan a innovación na construción nun encontro entre 20 empresas e startups
Compartir Este Artigo
