A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta aprobará este mesmo ano a que será a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que vai mobilizar 400 millóns de euros e busca “consolidar un modelo de crecemento para toda a economía galega”.
Serán fondos propios de Galicia que terán o obxectivo de impulsar a competitividade do tecido produtivo galego, especialmente as pemes. Esta folla de ruta, xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do IGAPE, supón un incremento próximo ao 60% respecto ao escenario previo de investimento público en innovación.
Entre os principais obxectivos figuran incorporar de forma masiva a intelixencia artificial e as tecnoloxías avanzadas nos procesos industriais e incrementar nun 25% o número de empresas que innovan en Galicia.
A conselleira achegou estes datos no II Foro de Innovación e Emprendemento organizado pola APD, onde apuntou que esta estratexia busca vincular o ecosistema galego de innovación coa industria.
“Que a I+G+i transforme realmente a empresa galega; que esa fórmula dea como resultado novos proxectos empresariais que permanezan no tempo e axuden a transformar a economía”, sinalou.
Segundo dixo, nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de “facer que innovación impacte” para “que as empresas que xa están aquí poidan crecer e fortalecerse; as que están fóra poñan a vista no noso territorio; e para que as que nacen en Galicia poidan converterse no futuro en grandes empresas”, abondou.
Lorenzana puxo en valor os datos do Informe Empresas Tech Galicia 2026, que confirma que Galicia conta xa con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras, que xeran máis de 5.700 empregos cualificados e unha facturación próxima aos 550 millóns de euros.
“O éxito dun ecosistema innovador non se mide unicamente polo número de startups que crea; mídese pola súa capacidade para transformar o conxunto da economía”, reiterou, para concluír destacando a importancia de que as administracións saiban anticiparse, estar preparadas e “ser o motor económico dos avances que se van producindo”, porque iso é o que fai un territorio competitivo.
A Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia mobilizará 400 millóns
Compartir Este Artigo
