O profesor e investigador do CITIC da UDC Francisco Bellas, membro do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, participou a pasada semana nun obradoiro internacional organizado pola UNESCO en París no marco do proxecto FutureProof Education, desenvolvido en colaboración coa Comisión Europea.
O encontro reuniu expertos e expertas internacionais co obxectivo de avanzar no deseño dun programa común de Desenvolvemento Profesional Continuo sobre Intelixencia Artificial dirixido ao profesorado.
No transcurso de dúas xornadas de traballo colaborativo, unha trintena de docentes, persoal investigador e responsables educativos analizaron os principais retos que formula a incorporación da intelixencia artificial ao ensino e traballaron na definición dun marco práctico e con ampla marxe de adaptación que sirva de apoio ás estratexias nacionais para a súa integración nos sistemas educativos.
O programa sentará as bases dos futuros recursos e ferramentas que a UNESCO porá á disposición do profesorado e dos centros educativos para promover un uso consciente, crítico e eficaz destas tecnoloxías nas aulas.
As conclusións do obradoiro subliñan !a importancia de preservar a autonomía do profesorado para decidir cando e como usar a IA en función dos obxectivos educativos, así como de crear contornos seguros que favorezan a experimentación e o desenvolvemento de novas competencias”.
As persoas participantes coincidiron en “que a pedagoxía debe seguir guiando calquera proceso de innovación tecnolóxica e destacaron o valor das comunidades profesionais de aprendizaxe como espazos de confianza, colaboración e intercambio de experiencias que impulsan o desenvolvemento profesional docente”.
Francisco Bellas é profesor da Universidade da Coruña no ámbito da Robótica Autónoma e da Aprendizaxe Automática Aplicada. Desenvolve a súa actividade investigadora no CITIC e no Grupo Integrado de Enxeñaría, dentro da área de Robótica Cognitiva. Así mesmo, mantén unha intensa actividade como formador e asesor do profesorado en IA aplicada á educación, colaborando en iniciativas dirixidas a facilitar unha incorporación crítica e responsable destas ferramentas no ámbito educativo.
Francisco Bellas (CITIC) participa nun obradoiro da UNESCO para impulsar a formación do profesorado en IA
Compartir Este Artigo
