A iniciativa Monodon by Navantia, a área de innovación da compañía, e máis o laboratorio QOPHI Lab do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo celebraron esta semana (entre o 8 e o 10 de xullo no edificio Miralles do Campus de Vigo) o reto The Pulse Hackathon, un desafío técnico de 28 horas centrado no desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito das comunicacións ópticas submarinas.
20 estudantes procedentes da UVigo e doutras universidades como a de Luxemburgo, a Universidad Complutense de Madrid, ETH Zürich, a Universidad de Almería, a Universitat Politècnica de València (UPV), a Universidade da Coruña, o Politecnico di Torino e a Universidade de Oviedo, traballaron en equipos de forma intensiva en retos reais do campo da fotónica aplicados ao ámbito mariño.
Durante todo o proceso os participantes contaron co acompañamento de mentores expertos e desenvolveron as súas propostas nun ambiente colaborativo e de excelencia técnica.
A UVigo explicou que o hackathon serviu como punto de conexión entre industria, investigación e talento emerxente, fomentando o desenvolvemento de novas capacidades en tecnoloxías clave para as comunicacións do futuro.
A base do reto foi avanzar en comunicacións ópticas submarinas, que ofrecen vantaxes significativas, entre elas altas taxas de transmisión de datos, menor detectabilidade e maior seguridade, así como a posibilidade de operar en rangos específicos do espectro óptico onde a absorción da auga é menor.
Neste contexto, o hackathon permitiu explorar solucións innovadoras e non convencionais, abrindo novas vías para avanzar neste eido tecnolóxico emerxente.
Equipos premiados
A sesión de clausura celebrada este venres 10 centrouse na presentación das solucións desenvolvidas por cada equipo e trala deliberación do xurado, composto por profesionais do ámbito industria e académico, anunciáronse os equipos gañadores do desafío e entregáronse os premios ás tres mellores propostas.
O primeiro premio foi para o equipo formado por Sergio Gándara Gándara, Adrián Garrote Camoira, Antonio Cano Romero e Daniel Quintana Alonso; e o segundo outorgóuselle ao equipo composto por Antonio Jesús Martínez, Caterina Teijeiro, Jorge Martínez Cepa, Raúl Amado Taboada e Girogia Mazzaro. Tamén se entregaron un premio individual á mellor oradora na sesión de pitch, a Jiayi Zou, e outro á creatividade e innovación para o grupo integrado por Aroa González, Hugo Lario Citoula, Ignacio López Miralles, Jiayi Zou e Gabriel Lionel.
Con iniciativas como The Pulse Hackathon, Monodon e o QOPHI Lab de atlanTTic reforzan o seu compromiso coa innovación aberta e o impulso do talento mozo en áreas tecnolóxicas estratéxicas, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións avanzadas para os desafíos do sector marítimo.
