A Cámara de Comercio de Santiago fixo balance da súa actividade recente en materia de impulso á innovación, ao emprendemento, a formación, a internacionalización e a cooperación europea. Estes datos aparecen reflectidos na Memoria de Actividades e nela constátase que a Cámara reforzou o seu apoio á dixitalización empresarial, xestionando máis de 1.615 solucións dixitais con máis de 4,5 millóns de euros en axudas.
Este documento destaca “un ano de intensa actividade” no que a institución consolidou o seu papel como axente clave no impulso económico da súa área de influencia.
No ámbito da transformación dixital, as axudas permitiron ás empresas incorporar novas tecnoloxías, optimizar procesos produtivos e reforzar a súa competitividade. En total, tramitáronse 2.280 expedientes, asináronse 207 novos acordos e organizáronse 21 xornadas especializadas, nas que participaron máis de 600 empresas e profesionais.
A presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais Fajín, destaca que esta memoria “é o reflexo do compromiso da institución co desenvolvemento económico e empresarial da nosa demarcación”. Segundo sinala, ao longo do exercicio a Cámara continuou traballando para ofrecer ás empresas asesoramento, apoio e ferramentas que lles permitan afrontar con éxito os retos derivados da transformación dos mercados e da evolución tecnolóxica. Así, subliña que a dixitalización, a innovación, a internacionalización e o emprendemento seguen constituíndo os principais eixes de actuación da entidade.
Retos
Dende a Cámara lembran que as pequenas e medianas empresas afrontan un escenario cada vez máis esixente, marcado pola aceleración da transformación dixital, a incorporación da intelixencia artificial, a necesidade de mellorar a produtividade e o reto de atraer e reter talento cualificado. Uns desafíos ante os que, tal e como sinala tamén a secretaria xeral da Cámara, Rosa Mary Cardeso Trillo, “a Cámara debe seguir acompañando ao tecido empresarial con servizos de formación, innovación, internacionalización e asesoramento, reforzando a súa capacidade de adaptación e competitividade”.
A memoria tamén pon en valor o papel das infraestruturas impulsadas pola Cámara (o Viveiro de Empresas, o Coworking Dixital Compostela, a Incubadora de Alta Tecnoloxía e o Biopolo da Sionlla) como instrumentos que, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e os centros de investigación, contribúen a crear un ecosistema de innovación con capacidade para atraer investimento, talento e novas oportunidades Internacionalización e emprendemento
A internacionalización mantívose como outra das grandes liñas estratéxicas da institución. Durante 2025 atendéronse 2.466 consultas especializadas, emitíronse 3.565 documentos para operacións de comercio exterior e desenvolvéronse actuacións en 14 países nas que participaron 43 empresas, favorecendo a apertura de novos mercados.
No ámbito do emprendemento, a Cámara continuou reforzando o seu ecosistema de apoio á creación de empresas mediante o Viveiro de Empresas, o Coworking Dixital e outras iniciativas como o programa desenvolvido en colaboración coa Deputación da Coruña Provincia Emprendedora. Durante 2025 realizáronse máis de 680 asesoramentos, impulsouse a creación de 176 novas empresas. O Viveiro de Empresas mantivo unha ocupación do 92 % e consolidouse, un ano máis, entre os tres mellores viveiros de España segundo a clasificación de FUNCAS, mentres arredor de 500 persoas participaron en actividades e fomento da cultura emprendedora.
A formación continuou sendo outro dos piares da actividade da institución. Ao longo de 2025 organizáronse 54 accións formativas, nas que participaron máis de 1.270 persoas, co obxectivo de mellorar a cualificación profesional e adaptar as competencias ás necesidades reais das empresas. A estas actuacións súmanse os programas de acreditación de competencias profesionais, nos que participaron 132 traballadores, e as iniciativas de mentoring empresarial, desenvolvidas coa colaboración de 11 empresas.
A actividade da Cámara estendeuse tamén ao ámbito europeo, reforzando a súa participación en proxectos de cooperación internacional e en iniciativas estratéxicas como a alianza das Cámaras de Comercio do Arco Atlántico, ademais de desenvolver diferentes programas destinados a impulsar o emprendemento, a innovación e a captación de novas oportunidades para as empresas galegas.
A Cámara de Santiago mobiliza máis de 4,5 millóns para impulsar a transformación dixital das empresas da demarcación
Compartir Este Artigo
