Un total de 32 estudantes de grao, de mestrado e de doutoramento, procedentes de Croacia, Serbia, Finlandia, Romanía e de Portugal participan, ao longo de toda esta semana, no Programa Intensivo Combinado From Sensors to Data: Industry 4.0 in Engineering Experimental Testing. Neste marco o estudantado afondará en ámbitos clave como a Industria 4.0, a sensórica, a adquisición e análise de datos, a fabricación aditiva, a robótica, a Internet das Cousas (IoT) ou os xemelgos dixitais, así como na súa aplicación nos ensaios experimentais en enxeñaría.
A Universidade da Coruña (UDC), baixo o liderado do profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Fran González, coordina esta iniciativa de innovación docente, enmarcada no Programa Erasmus+.
No proxecto participan tamén a University of Zagreb (Croacia), a University of Belgrade (Serbia), a Tampere University (Finlandia), a Universidade do Minho (Portugal), así como a National University of Science and Technology Politehnica Bucharest e a Universitatea Petrol-Gaze Din Ploiesti, ambas as dúas de Romanía.
Logo de completar unha fase de formación previa en liña, o estudantado participante foi recibido, a primeira hora deste luns 13 de xullo, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; polo director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz; pola directora do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Belén Montero; polo adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, Bruno Casal; e máis polo director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez.
A proposta formativa do Programa Intensivo Combinado From Sensors to Data: Industry 4.0 in Engineering Experimental Testing estrutúrase arredor de dous módulos comúns. O primeiro introduce ao alumnado no deseño paramétrico mediante FreeCAD e nos procesos de fabricación aditiva coa tecnoloxía FDM. O segundo céntrase na programación con Arduino, na integración de sensores, na adquisición de datos e nas comunicacións empregadas nos sistemas intelixentes conectados.
Para continuar coa súa formación, as e os participantes poderá elixir entre diferentes itinerarios vinculados ás áreas de especialización do Campus Industrial de Ferrol, como a arquitectura naval, a monitorización de maquinaria e o mantemento preditivo, a robótica submarina, o desenvolvemento de novos materiais poliméricos ou mesmo a experimentación aerodinámica no Túnel do Vento.
O programa desta iniciativa formativa internacional complétase con visitas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no propio Campus Industrial de Ferrol, e ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), no Campus da Coruña. Ademais, o estudantado participante poderá gozar de actividades culturais e de lecer entre as que se inclúen varias visitas guiadas pola cidade e un paseo en barco pola ría.
Foto: A Unversidade da Coruña (UDC) coordina unha formación na que participa alumnado de grao, de máster e de doutoramente da University of Zagreb (Croacia), da University of Belgrade (Serbia), da Tampere University (Finlandia), da Universidade do Minho (Portugal), así como da National University of Science and Technology Politehnica Bucharest e da Universitatea Petrol-Gaze Din Ploiesti, ambas as dúas de Romanía.
O Campus de Ferrol reúne alumnado de seis universidades europeas no marco dun programa de Industria 4.0
Compartir Este Artigo
