O alcalde de Vigo, Abel Caballero, comprobou esta mañá, no Monte Cepudo, o funcionamento do dispositivo da Policía Local de Vigo para vixiar toda a masa forestal do concello con drons dotados da tecnoloxía máis avanzada. Indicou que o Concello estuda adquirir novo material.
Caballero explicou tamén que o equipo humano e técnico da Policía Local de Vigo “permite vixiar toda a masa forestal da cidade”, xa que “a tecnoloxía dos vehículos aéreos non tripulados do Concello permítelles alcanzar grandes distancias, ata distintas áreas de Baiona, Redondela, e de Nigrán”.
Engadiu que “os días que hai unha alta temperatura ou algún risco vixiamos todos os montes e contamos cun operativo conectado con bombeiros e coa Policía Local para desprazarse á zona cada vez que apareza fume ou outro sinal de alarma”.
O rexedor lembrou que os medios técnicos permanecen activos de forma permanente e que o Concello forma a axentes da Policía Local para o uso e manexo de drons para os labores de vixilancia e seguridade. Apuntou que entre as últimas intervencións atópase a procura da veciña do Calvario desaparecida a semana pasada, que cada concerto de Castrelos está supervisado con drons e que estes tamén se empregan en todo o relativo ao tráfico.
Vigo avanza en prevención de lumes cun servizo propio de drons con IA
Compartir Este Artigo
