A aplicación de mensaxería Telegram emprega de xeito intensivo un acurtador de ligazóns da Internet baixo o nome dominio t.me que deixou de operar nas últimas horas sen unha explicación aparente. O dominio figura como Server Hold, ou sexa, que non pode resolverse de ningún xeito (nin sequera empregando servidores de DNS alternativos ou VPN), levando ao propio Pavel Durov a pedir explicacións ao rexistrador do dominio de primeiro nivel de Montenegro.
Actualmente o dominio t.me emprégase para establecer ligazóns a usuarios e a canles, polo que a súa suspensión supón un serio problema, que podería ser consecuencia da aplicación de medidas de bloqueo desproporcionadas. Iso enténdese da casualidade de que onte mesmo a Oficina de Control de Activos Estranxeiros (OFAC) dos EE.UU. ampliou a Listaxe de Nacionais Especialmente Designados e Persoas Bloqueadas (SDN) no marco dunha serie de bloqueos relativos a Cuba, entre os que se incluiría a First VPN Service e o enderezo t.me/FirstVPNService, o que podería ter provocado a suspensión de t.me como dano colateral.
Queda agora agardar a que se solucione o incidente, pero de confirmarse que estamos ante un bloqueo abusivo por parte da OFAC, abriríase unha vez máis o debate sobre os mecanismos de bloqueo aplicados na Rede e os prexuízos causados indiscriminadamente.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente o dominio t.me volveu a operar con normalidade, asegurando o rexistrador do dominio de Montenegro que o bloqueo foi provocado polo mencionado bloqueo abusivo da OFAC. Cómpre salientar que para que o bloqueo puidese realizarse, dende Telegram tiveron que eliminar o atallo que levaba á canle de First VPN Service. Esta situación podería levar a que Telegram mudase o xeito de publicar ligazóns a contas de usuario e canles, xa que as sancións a través do rexistrador de dominio poderían ser moi efectivas para exercer actos de censura por parte de gobernos e moitos outros organismos.
