O CiTIUS de Santiago (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) acolleu hoxe unha nova xornada de demostración tecnolóxica de proxectos punteiros: a xornada Inside The Lab, a sesión anual de presentación de resultados científicos centro da USC. Ao longo desta xornada (dirixida principalmente a empresas e outras organizacións) déronse a coñecer os detalles dunha importante escolma de tecnoloxías en avanzado estado de desenvolvemento, listas para ser transferidas á industria e á sociedade.
Na cita participaron (entre outras/os) o director científico do CiTIUS, Senén Barro, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen louvou o empuxe innovador do centro e a súa capacidade para transferir ao mercado grandes achados TIC.
En concreto, Cotelo celebrou a innovación con impacto do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) salientando o alto nivel e o importante número de tecnoloxías que abrollan do centro da USC prontas para ser transferidas á industria e á sociedade presentadas no marco da xornada Inside the Lab.
A directora da Axencia Galega de Innovación salientou a capacidade deste centro que forma parte da rede de excelencia da Xunta (Rede CIGUS) para pasar da investigación á aplicación real do coñecemento, “sendo un piar da nosa I+G+i e un exemplo de como o investimento público se traduce en resultados reais”.
Enxalzou tamén o potencial dos proxectos presentados: desde asistentes conversacionais a modelos de IA de visión-linguaxe, brazos robóticos ou monitoraxe para guiar a estimulación cognitiva.
Cotelo salientou que o apoio da Xunta de Galicia a este centro supera os 6 millóns, que contribúen á cobertura de máis de 100 investigadores que desenvolven iniciativas como o Proxecto Nós a prol do galego na IA, traballos arredor do seguimento preditivo e causalidade para rehabilitación cardíaca, da predición da calidade do aire ou da transferencia baseada na cooperación co sector industrial a partir de resultados científicos.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP enxalzou tamén a contribución do CiTIUS aos retos da nosa Comunidade en materia de ciencia, contando co apoio do director científico deste centro, Senén Barro, no Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia, órgano que presta asesoría para a elaboración da nova Lei de Ciencia. Ademais, unha spinoff nacida co CiTIUS, InVerbis Analytics, foi destacada nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia co premio Fernando Calvet Prats (2023), empresa que desenvolve software de IA para analizar e optimizar procesos empresariais a partir de datos.
En canto ao Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas, que contou cun orzamento total de 9,6 millóns, o CiTIUS participou como unha das entidades executoras, xunto co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Laboratorio de Investigación en Materiais Cuánticos e Fotónica.
A xornada deste martes 14 contou tamén coa spin-off máis lonxeva do CiTIUS, Situm, que mostrou como os proxectos LeditIA e Xesta reforzan a innovación en ámbitos como os xemelgos dixitais, a intelixencia xeoespacial, a rastrexabilidade operativa, a visualización avanzada de datos e a xestión intelixente de procesos.
Por outro lado, a spin-off máis recente do CiTIUS, energHius, no ámbito das tecnoloxías sostibles, é unha nova compañía de base tecnolóxica que se serve da tecnoloxía Nanostart para capturar pequenas cantidades de enerxía ambiental, facilitando así unha nova xeración de dispositivos para a Internet das Cousas (IoT), ultra pequenos e sen batería.
Durante a xornada presentáronse distintos demostradores tecnolóxicos desenvolvidos no centro como PISTIS, un asistente conversacional que constrúe sistemas intelixentes; iRead4Skills, sistema multilingüe con fins educativos que permite clasificar textos segundo a súa complexidade ou Xogamos, que incorpora modelos de IA de visión e linguaxe que se utilizan en actividades de estimulación cognitiva, analizando as súas potencialidades e os posibles riscos en centros de día e contornas lúdicas para persoas con necesidades especiais.
No ámbito social, AffeX 2.0 e CogniGames buscan coidar o benestar emocional e cognitivo mediante xogos e WatchTowers monitoriza e analiza en tempo real medios dixitais, noticias e redes sociais.
O CiTIUS loce tecnoloxías con impacto nunha nova xornada Inside the Lab
Compartir Este Artigo
