A moi anticipada aplicación Bizum Pay chegou hoxe ás tendas de aplicacións de Android e de iOS, facilitando así o uso de Bizum como método de pagamento en establecementos comerciais tradicionais, trasladando as facilidades desta plataforma aos pagamentos presenciais, como unha alternativa aos pagamentos contactless das grandes plataformas de tarxetas bancarias.
Cómpre salientar que estamos simplemente ante un primeiro paso para achegar Bizum Pay ao público, pois queda agora a despregadura entre os sistemas de pagamento con tarxeta dos establecementos comerciais, que podería tardar varios meses en completarse (actualmente estaría dispoñible no 60% do parque de terminais bancarios). A incorporación de entidades bancarias á aplicación tamén será progresiva.
Este sistema de pagamento destaca por ser unha operación que se realiza directamente entre as contas bancarias dos consumidores e das tendas, sen mediar unha entidade de tarxeta bancaria polo medio. Tal operación sería como unha transferencia bancaria instantánea, o que pode reducir os riscos de fraude e impagamento para os establecementos comerciais, aínda que non está nada claro que iso supoña unha vantaxe para o consumidor (máis aló do feito de non precisar dunha tarxeta bancaria para realizar un pagamento contactless).
Para que a nova aplicación resulte máis práctica, non só ofrece a posibilidade de pagar con Bizum, senón que tamén pode asociarse a outras tarxetas bancarias que teñamos, de xeito que pode establecerse como aplicación de pagamento predeterminada dende a que escoller se pagamos con tarxeta ou con Bizum.
Xa é posible instalar a aplicación de Bizum Pay
Compartir Este Artigo
