A UNED amplía a súa oferta académica para o curso 2026-2027 coa incorporación de novas titulacións que tamén poderán cursarse a través do Centro Asociado á UNED en Lugo. Entre as principais novidades destaca a implantación do Grao en Intelixencia Artificial, unha titulación especialmente vinculada ás novas necesidades sociais, tecnolóxicas e profesionais.
A esta nova titulación súmase a aprobación, polo Consello de Goberno da UNED celebrado o pasado venres 10 de xullo, de dous novos dobres graos: o Dobre Grao en Matemáticas e Física e o Dobre Grao en Psicoloxía e Criminoloxía.
A oferta académica complétase coa incorporación de tres novos micrograos: Micrograo en Política e Historia, Micrograo en Democracias en Tempos de Cambio Social, Micrograo en Métodos, Prácticas e Análise da Investigación Social.
Estas novas titulacións reforzan o compromiso da UNED de Lugo “coa ampliación e diversificación da súa oferta académica, facilitando o acceso a estudos universitarios innovadores, multidisciplinares e adaptados ás demandas da sociedade actual”, segundo informaron dende a dirección da Universidade a Distancia, engadindo que o Grao en Intelixencia Artificial permitirá adquirir coñecementos e competencias nun ámbito estratéxico e en constante crecemento, relacionado coa programación, a análise de datos, a aprendizaxe automática e o desenvolvemento de sistemas intelixentes.
Está previsto que nos vindeiros días se publique na páxina web da UNED a información detallada das novas titulacións e que estas se incorporen progresivamente á aplicación de matrícula.
As persoas interesadas poderán obter información e asesoramento no Centro Asociado á UNED en Lugo, situado na rúa Tolda de Castela, 4B, a través do teléfono 982 280 202 ou da páxina web da UNED de Lugo.
O Grao en IA
A Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática (ETSIInf) da UNED impartirá o Grao en Enxeñería en Intelixencia Artificial, unha titulación oficial deseñada conforme o marco do Espazo Europeo de Educación Superior.
O título, segundo explica a UNED, “garante unha sólida formación científica e tecnolóxica que capacita tanto para o exercicio profesional no ámbito da IA como para a innovación e investigación”. O plan de estudos ofrece unha formación integral que combina unha base sólida en matemáticas, estatística e programación co estudo en profundidade das principais paradigmas da IA: aprendizaxe automática, procesamento da linguaxe natural, visión artificial, robótica autónoma, sistemas de soporte á decisión e análise de datos a gran escala, entre outros.
Ademais, engade a UNED, “o programa artéllase cun enfoque tanto teórico e xeneralista, con formación de base rigorosa nos fundamentos e nas diferentes áreas e técnicas da IA, como práctico e aplicado, orientado ao desenvolvemento de solucións para problemas reais en distintos dominios”.
O plan de estudos prepara aos estudantes para colaborar con expertos de eidos moi diversos (enxeñería, medicina, dereito, economía, ciencias) e para integrarse en equipos de traballo heteroxéneos onde a IA actúa como ferramenta transversal. A formación inclúe ademais competencias en xestión de proxectos e nos aspectos éticos e responsable do desenvolvemento de sistemas intelixentes, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible promovidos por Nacións Unidas.
As persoas graduadas en Enxeñería en Intelixencia Artificial están capacitados para desempeñar funcións profesionais nunha ampla variedade de sectores: entidades financeiras, institucións sanitarias, consultorías tecnolóxicas, departamentos de I+D, organismos públicos de investigación, universidades e industrias de calquera ámbito, conclúe a UNED.
A UNED de Lugo amplía a súa oferta académica este curso co Grao en IA, dous dobres graos e tres micrograos
Compartir Este Artigo
