O director xeral da Fundación INCYDE (Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa), Javier Collado, visitou este mércores 15 de xullo as obras do edificio 4 do VgoTIC Global HUB da rúa López Mora en Vigo, que, unha vez finalizadas, acollerá a incubadora de Alta Tecnoloxía StartTIC.
Liderada por Zona Franca, xunto á Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e o Centro Tecnolóxico Gradiant, StartTIC está orientada a proxectos de ámbitos estratéxicos como a 5G, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a defensa, as comunicacións avanzadas e outras tecnoloxías habilitadoras dixitais.
O proxecto naceu ao abeiro da iniciativa europea e forma parte da Rede de Incubadoras de Alta Tecnoloxía que a Fundación INCYDE está a promover co obxectivo de reforzar o crecemento sostible, a competitividade e a creación de emprego nas pemes.
A incubadora, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, está co-financiada nun 60% polo Fondo Europeo– FEDER, tras obter a subvención xestionada tamén por INCYDE. Acompañado do delegado do Estado, David Regades e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto a José García Costas, presidente da Cámara e de Luis Freire, director xeral de Gradiant, Javier Collado coñeceu o proceso das obras no edificio que salvo a súa estrutura xa está totalmente demolido e que avanza en tempo e forma.
O director xeneral de INCYDE foi tamén informado do éxito do lanzamento da primeira edición de StartTIC, cun programa intensivo de 6 meses, dirixido a impulsar proxectos tecnolóxicos innovadores. Unha vez pechada a inscrición, presentáronse ata 62 proxectos, dos que 30 serán agora seleccionados por un comité de avaliación. Contarán con titorías personalizadas, asesoramento tecnolóxico, sesións de capacitación e networking, e acceso a infraestruturas avanzadas, que se desenvolverán de forma temporal no parque empresarial de Bouzas ata que estea finalizada a obra de López Mora.
Das iniciativas presentadas, a maioría proceden da comarca de Vigo e outras zonas de Galicia (89%), aínda que tamén se rexistraron propostas doutros puntos de España e mesmo do estranxeiro, como Portugal. A Incubadora acolle propostas en calquera estado de desenvolvemento, desde proxectos de recente creación aínda non constituídos como empresas, neste caso o 71%, ata startups e proxectos xa constituídos, que supoñen o 29%.
Respecto aos subsectores TIC en que se encadran, destacan propostas relacionadas con desenvolvemento de software (aplicacións, videoxogos, etc.) e con procesamento de datos, aloxamento e en xeral actividade de portais web. As propostas aplican unha ampla gama de tecnoloxías TIC, entre as que sobresae o uso de intelixencia artificial (71%), así como as súas modalidades xenerativa e axéntica. Tamén destaca o uso de tecnoloxías de confianza e ciberseguridad (37%) ou novas tendencias como o edge computing (21%).
A orientación dos proxectos é ampla, sendo susceptibles de aplicación a un gran número de sectores, desde a seguridade e defensa (23%), ata o transporte e loxística (26%), pasando polo lecer (22%), ou a automoción (21%).
O director xeneral de INCYDE, Javier Collado, resaltou que, ademais de sumarse ás 25 incubadoras de alta tecnoloxía de España, StartTIC pasará a formar parte “da rede máis importante de incubadoras de Europa, que están a crear empresas, emprego e investimento”. Destacou Collado o papel dos viveiros da Zona Franca de Vigo como impulsores de proxectos de alta tecnoloxía, referíndose especialmente ao sector aeroespacial, e a capacidade de Vigo para situarse no contexto europeo como cidade tecnolóxica e de innovación.
David Regades, delegado do Estado da Zona Franca, destacou “o salto referencial que dará Vigo con este proxecto, que reforzará á cidade como nodo tecnolóxico e o ecosistema TIC galego. Tamén vén favorecer a transferencia tecnolóxica, dixo Regades, e a apoiar a persoas emprendedoras e pemes con solucións innovadoras. “Estamos a falar de tecnoloxía e de empresa, pero tamén de emprego de calidade e de creación de oportunidades”, sinalou, definindo o Consorcio StartTIC como un exemplo claro de colaboración público-privada. Tamén eloxiou o papel da Cámara de Comercio, de Gradiant como socio tecnolóxico, e do concello de Vigo como “lanzadeira” de grandes proxectos.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recorreu a un paralelismo histórico para subliñar a importancia de StartTIC. “Primeiro foi o naval, despois o automóbil. Hai momentos que definen a historia dunha cidade. O que está a pasar hoxe en Vigo, esta alianza entre entidades públicas e privadas para impulsar a alta tecnoloxía vai definir os próximos 50 anos desta cidade”.
O director xeral de INCYDE visita en Vigo as obras da futura Incubadora StartTIC
Compartir Este Artigo
