A Universidade da Coruña celebra estes días (ata este venres 16) un curso sobre protección de datos na empresa e nas organizacións: unha formación que reúne especialistas de referencia do ámbito xurídico, institucional e empresarial para analizar os principais desafíos da protección de datos nun contexto marcado pola transformación dixital e o avance da intelixencia artificial.
A inauguración correu a cargo de Cristina Naya Riveiro, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña; Lorenzo Cotino, presidente da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD); Francisco Pérez Bes, adxunto á presidencia da AEPD; e Ana María Aba Catoira, vicedecana da Facultade de Dereito da UDC e coordinadora da actividade.
Ao longo de dúas xornadas, o programa abordará cuestións de máxima actualidade como a regulación da intelixencia artificial, a responsabilidade dos órganos de goberno en materia de protección de datos, a avaliación e xestión dos riscos tecnolóxicos, o impacto das brechas de seguridade, o papel das persoas delegadas de protección de datos e a integración destas materias nas políticas de cumprimento normativo das organizacións.
Entre as persoas relatoras destacan Lorenzo Cotino, presidente da AEPD, e Alberto Gago, director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), protagonistas do debate inaugural centrado no estado actual e nas tendencias da regulación da protección de datos e da intelixencia artificial. O encontro contará tamén coa participación de representantes da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), de empresas como Telefónica ou Inditex e doutras entidades e organizacións de referencia no ámbito da gobernanza dixital e o cumprimento normativo.
O programa inclúe ademais relatorios e mesas redondas sobre os novos retos do goberno corporativo, a responsabilidade dos órganos de dirección, a integración da protección de datos nos modelos de compliance, os riscos para a privacidade nas organizacións e os modelos de gobernanza para a xestión dos riscos tecnolóxicos nun contexto cada vez máis condicionado polo uso da intelixencia artificial.
A UDC xuntou no Paraninfo especialistas de referencia para analizar os retos da protección de datos e a IA
Compartir Este Artigo
