A Comisión Europea adoptou dúas decisións vinculantes que especifican como Google debe cumprir determinadas obrigas da Lei de Mercados Dixitais (DMA). As medidas céntranse, por unha banda, na interoperabilidade dos servizos de intelixencia artificial con Android e, pola outra, no acceso doutros buscadores aos datos do buscador de Google, co obxectivo de reforzar a competencia e ampliar as opcións dispoñibles para os usuarios europeos.
A primeira decisión pretende garantir que os asistentes de intelixencia artificial de terceiros poidan competir en igualdade de condicións con Gemini e outros servizos propios de Google. Na actualidade, estes asistentes dispoñen dun acceso limitado ás funcións do sistema operativo Android, mentres que as solucións de Google contan con acceso completo, o que lles outorga unha vantaxe competitiva.
As especificacións aprobadas permitirán que os usuarios poidan activar o seu asistente de IA preferido mediante comandos de voz, de maneira similar ao «Hey Google», e que estes asistentes executen accións en aplicacións no seu nome. Entre os exemplos que cita a Comisión figuran a reserva dun taxi, a xeración de respostas suxeridas en aplicacións de mensaxería ou a consulta sobre un lugar visitado recentemente. As medidas inclúen tamén salvagardas para protexer a privacidade dos usuarios, a integridade dos dispositivos e a súa seguridade.
A segunda decisión establece como Google deberá compartir os datos xerados polo seu buscador con outros provedores de servizos de procura. Bruxelas considera que este acceso resulta esencial para que terceiros poidan desenvolver e optimizar os seus motores de busca e competir en mellores condicións fronte ao buscador de Google, favorecendo tamén alternativas centradas na privacidade.
O texto aclara diversos aspectos que, segundo a Comisión, facían ineficaz a proposta inicial de Google. Entre outras cuestións, recoñece que os chatbots de intelixencia artificial con funcións de procura poderán acceder aos datos compartidos e determina que Google deberá facilitar, unha vez anonimizada, a mesma información que utiliza para mellorar os seus propios servizos de busca.
As medidas definen un procedemento de anonimización multinivel elaborado coa colaboración de expertos internos e externos en protección de datos e en consonancia co borrador das directrices conxuntas da DMA e do Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR) elaboradas pola Comisión Europea e o Comité Europeo de Protección de Datos. Tamén permiten que Google avalíe previamente se o acceso dun terceiro pode supoñer riscos graves en materia de ciberseguridade ou protección de datos. A Comisión poderá revisar no futuro estas medidas en función da evolución do mercado e das avaliacións independentes que se realicen.
A decisión incorpora ademais unha fórmula para calcular de maneira xusta o prezo do acceso aos datos compartidos e un procedemento transparente para solicitalos.
Google deberá comezar a facilitar os datos de busca aos provedores que cumpran os requisitos a partir de xaneiro de 2027. Pola súa banda, os cambios relacionados coa interoperabilidade dos asistentes de intelixencia artificial en Android empezarán a chegar aos usuarios a partir de xullo de 2027.
A Comisión lembra que estas decisións forman parte dos mecanismos previstos pola DMA para concretar a forma en que deben aplicarse determinadas obrigas. Trátase de procedementos de especificación e non de investigacións por incumprimento, polo que non teñen como finalidade determinar se Google vulnerou a normativa nin contemplan a imposición de sancións.
Google foi designada como gardián de acceso (gatekeeper) en setembro de 2023 para varios dos seus servizos fundamentais, entre eles o buscador web, Google Play, Google Maps, YouTube, Android, Chrome, Google Shopping e os seus servizos de publicidade en liña.
Dende Google responderon ás decisións da Comisión Europea asegurando que «poñen en risco a seguridade e a privacidade de millóns de europeos» insistindo en que teñen ofrecido numerosas solucións para protexer aos usuarios cumprindo os obxectivos da DMA, e acusando a Comisión de ignorar os argumentos de Google.
Google deberá abrir Android a asistentes de IA alleos
Compartir Este Artigo
