Google anunciou o cambio de nome de NotebookLM, que pasa a denominarse Gemini Notebook. A ferramenta mantense como un servizo independente orientado á investigación e á organización de información, pero reforza a súa integración co resto do ecosistema da compañía de Mountain View, incluíndo a aplicación Gemini, a Busca de Google e novas capacidades de análise baseadas na nube.
Presentado durante o Google I/O de 2023 co nome en clave Project Tailwind, o servizo naceu co obxectivo de facilitar a aprendizaxe e o traballo con documentación propia. Segundo os datos achegados por Google, máis de 30 millóns de persoas e máis de 600.000 organizacións empregan actualmente a plataforma para crear materiais de formación, resumir documentos ou xerar contidos en distintos formatos.
A principal novidade técnica desta actualización é a incorporación dun ordenador seguro na nube para cada caderno. Esta infraestrutura permite que Gemini Notebook execute código de forma nativa, o que facilita análises de datos máis complexas sempre apoiadas nas fontes incorporadas polo usuario. A funcionalidade está dispoñible desde hoxe para os subscritores de Google AI Ultra e para clientes empresariais de Workspace con AI Ultra Access e AI Expanded Access. Google prevé estender o acceso aos usuarios de Gemini Pro na versión web nas próximas semanas, habilitando novos formatos de saída e capacidades de análise máis avanzadas.
Google tamén reforza a integración do servizo co resto das súas aplicacións. Xa é posible crear e consultar cadernos directamente desde a aplicación Gemini, mantendo a sincronización automática coa versión independente de Gemini Notebook. Ademais, a compañía confirmou que proximamente os cadernos tamén estarán dispoñibles no AI Mode da Busca de Google, co obxectivo de facilitar o acceso aos proxectos de investigación desde distintos puntos do ecosistema.
NotebookLM pasa a chamarse Gemini Notebook
Compartir Este Artigo
