Un ataque informático contra Suno deixou ao descuberto parte da infraestrutura interna da popular plataforma de xeración musical mediante intelixencia artificial, incluíndo información sobre as fontes empregadas para adestrar os seus modelos. Segundo a documentación obtida polo medio 404 Media, o servizo recompilou millóns de cancións, letras e podcasts procedentes de plataformas como YouTube Music, Deezer e Genius, ademais de bibliotecas de música de arquivo e recursos de son distribuídos libremente.
A filtración tamén afectou a datos de clientes. O autor do ataque asegura que puido acceder á información de centos de miles de usuarios, incluíndo enderezos de correo electrónico, números de teléfono e datos relacionados cos pagamentos procesados mediante Stripe. Suno confirmou o incidente, pero non fixo pública unha valoración detallada sobre o seu alcance (por considerar que non ten tal obriga legal).
A documentación interna indica que o adestramento da IA de Suno se nutriu tamén de contidos procedentes de Pond5, Jamendo, Freesound, o International Music Score Library Project (IMSLP) e centos de miles de podcasts obtidos mediante fontes RSS. Entre os datos filtrados figuran referencias ao uso de servizos proxy para descargar contidos de YouTube, incluídas versións a cappella de cancións.
Esta información ofrece unha visión pouco habitual sobre os procedementos empregados para construír modelos de IA xerativa. Suno xa recoñecera previamente, no marco das demandas presentadas pola industria discográfica estadounidense, que o seu sistema fora adestrado con «practicamente todos os ficheiros musicais de calidade razoable accesibles na Internet aberta», o que supuña decenas de millóns de gravacións. A empresa sostén que ese uso está amparado polo principio de uso lexítimo (fair use) da lexislación estadounidense sobre dereitos de autor.
As accións xudiciais promovidas polas principais discográficas xa apuntaban a que Suno utilizara obras protexidas por dereitos de autor para adestrar os seus modelos, incluíndo acusacións de descargar directamente música desde YouTube. A información revelada tras o ataque reforza esas sospeitas ao identificar con maior precisión as fontes empregadas para recompilar os datos de adestramento. Un dos procedementos xudiciais xa quedou resolto tras acadar Warner Music Group un acordo de licenza con Suno, mentres continúan outras reclamacións.
Unha filtración confirma que Suno adestrouse con millóns de cancions dispoñibles en liña
Compartir Este Artigo
