A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) puxo en marcha o Concurso de Ideas do Xemelgo Dixital (XDG), unha iniciativa dirixida a identificar propostas innovadoras que empreguen tecnoloxías como a intelixencia artificial, a sensorización e os datos en tempo real para mellorar a xestión do territorio. O obxectivo é detectar solucións con potencial para converterse posteriormente en proxectos piloto desenvolvidos en colaboración coa Administración galega.
A convocatoria está aberta á participación de pequenas e medianas empresas, centros tecnolóxicos e centros ou grupos de investigación. As propostas deberán formular solucións baseadas no concepto de xemelgo dixital, é dicir, representacións virtuais alimentadas por datos que permitan analizar situacións, simular escenarios e optimizar a toma de decisións.
O certame estrutúrase arredor de dúas áreas estratéxicas. A primeira céntrase no medio rural, onde se buscan iniciativas relacionadas coa planificación territorial baseada en datos, a recuperación de terras, o control de especies, a protección gandeira, a xestión da auga, os cultivos intelixentes, a trazabilidade alimentaria ou as comunidades enerxéticas. A segunda está orientada ao turismo e procura ferramentas capaces de mellorar a xestión dos fluxos de visitantes, anticipar situacións de saturación, modelizar o Camiño de Santiago, analizar a ocupación dos albergues ou estudar o perfil dos visitantes.
Entre todas as candidaturas seleccionaranse seis ideas finalistas, tres por cada ámbito temático, que recibirán difusión a través das canles da Administración autonómica. Ademais, escolleranse dúas propostas gañadoras, unha en turismo e outra en medio rural, coa intención de que poidan evolucionar nunha fase posterior cara á súa implantación como proxectos piloto.
As solucións deberán desenvolverse tendo en conta a Plataforma Territorio Intelixente (PTI), a infraestrutura tecnolóxica da Xunta de Galicia deseñada para facilitar a integración dos proxectos cos sistemas da Administración e favorecer o aproveitamento dos datos dispoñibles.
O xurado estará integrado por representantes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Turismo de Galicia e AMTEGA. A avaliación das propostas repartirase nun máximo de 100 puntos segundo cinco criterios.
O aspecto con maior peso será a consistencia e viabilidade da proposta, que poderá acadar ata 35 puntos. Valorarase a claridade da solución presentada, a súa coherencia, o seu realismo e a correcta identificación dos datos necesarios para facela realidade.
A adecuación ao modelo de xemelgo dixital e á administración orientada ao dato representará ata 25 puntos. Neste apartado analizarase que o uso do xemelgo dixital estea plenamente xustificado como elemento central da proposta e a súa capacidade para integrarse cos datos e sistemas da Administración.
O impacto e a innovación achegarán un máximo de 20 puntos. O xurado examinará o carácter innovador da idea e as melloras que poida introducir na xestión territorial, nos servizos públicos e na atención á cidadanía.
A viabilidade económica terá un peso de 10 puntos, centrados na sustentabilidade da proposta e na eficiencia dos custos previstos para o seu desenvolvemento, implantación e mantemento.
Os 10 puntos restantes corresponderán á replicabilidade e escalabilidade da solución, valorando a súa capacidade para ser transferida ou adaptada a outros ámbitos temáticos ou territorios diferentes.
AMTEGA busca ideas para aplicar os xemelgos dixitais á xestión do turismo e do medio rural
Compartir Este Artigo
