A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, reuniuse esta mañá co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para analizar a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, nun encontro no que tamén participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García. A xuntanza serviu para constatar un elevado grao de coincidencia entre o documento elaborado pola Xunta e as propostas formuladas previamente polo CCG, aínda que a institución consultiva considera necesario concretar diversos aspectos antes de valorar plenamente a súa eficacia.
Vilavedra celebrou que a proposta presentada pola Xunta incorpore unha parte importante das conclusións do foro Un país coa súa lingua, promovido polo Consello da Cultura Galega e presentado o pasado mes de outubro. Segundo explicou, unha primeira análise comparada dos dous documentos revela que «moitas das medidas que propuxemos están incorporadas», aínda que persisten diferenzas no alcance dalgunhas actuacións e nos instrumentos previstos para a súa aplicación.
Entre os aspectos que o CCG considera necesario desenvolver figuran a planificación temporal, o cronograma de execución, a dotación económica, o carácter vinculante de determinadas medidas, os indicadores de seguimento e os mecanismos de avaliación e publicidade dos resultados.
A presidenta do Consello insistiu en que a planificación lingüística debe formularse cunha perspectiva a medio e longo prazo. «Cando falamos de lingua, a urxencia é un parámetro delicado. Cómpre actuar con decisión, pero tamén con planificación», sinalou, engadindo que o documento pode avanzar na definición dos prazos e das distintas fases de execución para construír «un proceso sólido, paso a paso».
Na valoración realizada polo CCG, destaca a ampla coincidencia co Executivo galego en materias como a tecnoloxía, a sanidade, o apoio ás familias ou o deporte. Pola contra, considera que o ensino continúa a ser un dos ámbitos con maior marxe de mellora. Vilavedra defendeu a necesidade de reflexionar sobre o modelo plurilingüe para situar «a lingua propia no centro da política educativa», como punto de partida para novas actuacións.
A responsable do Consello reiterou tamén a disposición da entidade para colaborar coas administracións públicas durante a seguinte fase de elaboración do plan. Segundo afirmou, o organismo quere exercer o seu papel asesor poñendo á disposición das institucións o coñecemento técnico acumulado para contribuír á mellora do documento e favorecer un consenso amplo arredor das futuras políticas lingüísticas.
Pola súa banda, López Campos agradeceu o apoio expresado polo Consello da Cultura Galega e destacou o clima de colaboración mantido durante o proceso de elaboración da proposta. O conselleiro cualificou a entidade como un actor que tivo «un peso moi importante» na actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e subliñou que numerosas achegas do CCG quedaron incorporadas ao texto.
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que o proceso permitise «poñer o idioma por enriba doutros debates que non favorecen á lingua» e definiu o resultado como «un documento estratéxico froito dun traballo intenso que recolle moitas achegas de entidades, axentes e sociedade en xeral», concibido como base para negociar e desenvolver as futuras políticas lingüísticas.
Tanto López Campos como Vilavedra coincidiron en cualificar a proposta como un documento «serio e viable», ao tempo que manifestaron a vontade de continuar o diálogo durante a seguinte fase de negociación e desenvolvemento do novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
O Consello da Cultura valora a proposta do novo Plan da Lingua
Compartir Este Artigo
