O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou este venres 17 de xullo na presentación do XII Congreso Nacional de Bibliotecas Móbiles, un encontro que este ano se vai celebrar na Cidade da Cultura, do 23 ao 25 de outubro, coa colaboración do Goberno galego. Na cita cos medios estivo acompañado por Roberto Soto, presidente da Asociación de Profesionales de Bibliotecas Móviles.
O eixe central do congreso xirará arredor da garantía dos dereitos culturais e a igualdade de acceso á información, sen importar as barreiras xeográficas. Un dos bloques básicos do congreso será o bloque da modernización e sustentabilidade, no que se abordarán os retos do sector fronte á transformación dixital, o uso de novas tecnoloxías e a xestión sustentable dos vehículos. Tamén haberá unha exposición de bibliobuses (unha mostra física de vehículos e proxectos de diferentes puntos do país para compartir deseños e loxísticaI) e entregaranse os Premios ACLEBIM (galardóns aos proxectos e profesionais máis destacados no sector das bibliotecas móbiles).
Na cita deste venres 17 de xullo Anxo Lorenzo puxo en valor “o gran servizo de dinamización cultural e fomento da lectura que ofrecemos desde a Xunta a través de A Furgoteca, coa que chegamos a 30 concellos de Ourense e Lugo que non contan con equipamentos bibliotecarios”.
Lorenzo lembrou que as tres rutas que viaxan con libros e actividades polo interior de Galicia “responden ao noso compromiso de achegar a cultura a todas partes de acordo coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Ademais, engadiu, “trátase dun importante recurso no marco da programación da campaña de verán Para gustos, cultura, co que chegamos este ano 200 concellos”.
Deste xeito, cómpre destacar que A Furgoteca levou a cabo no 2025 un total de 560 actividades culturais ás que asistiron 10.300 persoas, mentres que os préstamos medraron un 37% con respecto ao ano anterior chegando aos 1.799 usuarios.
Sinalou tamén que o devandito congreso, baixo o lema Bibliobuses. Dereitos sen barreiras, contará con relatorios que serán “unha oportunidade de compartir as experiencias dos distintos territorios ao redor das bibliotecas móbiles para seguir mellorando entre todos”.
O representante da Xunta mostrou a súa ledicia porque Galicia acolla este ano un congreso para o que está aberto o prazo de presentación dos relatorios, cuxo contido deberá estar centrado na aplicación das tecnoloxías nos servizos bibliotecarios móbiles, na planificación e organización deste tipo de redes, e nas técnicas para o fomento lector a través desta ferramenta. Para participar na exposición de casos pódense enviar as propostas a bibliobuses@aclebim.es.
O XII Congreso Nacional de Bibliotecas Móbiles celebrarase en Santiago e porá o foco nas novas ferramentas
Compartir Este Artigo
