O dominio .gal confirmou a súa colaboración coa Internet Watch Foundation (IWF), organización internacional coa que traballa PuntoGal desde 2024 para reforzar a seguridade da comunidade galega en Internet. O obxectivo de PuntoGal é seguir avanzando na loita contra as principais prácticas fraudulentas detectadas na Rede.
A información facilitada periodicamente pola IWF permite a PuntoGal coñecer de primeira man a evolución das ameazas dixitais, mellorar os mecanismos de prevención e detectar con maior rapidez posibles usos maliciosos do dominio .gal.
A asociación galega lembra que nos últimos informes mensuais da IWF, esta identifica máis de cen dominios fraudulentos distribuídos entre diferentes dominios de nivel superior (TLD), que suman máis de cincocentas páxinas web con contido ilícito ao mes.
Unha parte importante destes casos responde ao denominado domain hopping ou salto de dominios. Esta técnica consiste en rexistrar unha mesma páxina fraudulenta baixo diferentes extensións de dominio mantendo a mesma identidade visual, marca ou contidos. Cando un dos dominios é bloqueado ou retirado, continúase a súa actividade desde outro, dificultando a detección e prolongando a vida destas campañas fraudulentas. PuntoGal lembra neste punto que “por cada dominio pódense atopar ata nove TLD rexistrados que permiten ata oito saltos entre páxinas web da mesma identidade”.
Nun último informe, rexistráronse arredor de catrocentos saltos de dominio, é dicir un total de 552 páxinas web con contidos maliciosos nos que un único TLD pode chegar a utilizarse en ata máis de trinta ocasións.
Ademais, a asociación galega salienta que IWF traballa de forma proactiva para identificar e actuar contra o posible material de abuso sexual infantil difundido na rede. “As tecnoloxías e servizos a disposición e ofrecidos por IWF axudan a procurar unha detección máis automatizada do contido ilícito en cuestión permitíndolles monitorar comportamentos abusivos, moderar usuarios sospeitosos e impedir a compartición do material”, explica PuntoGal, lembrando que os informes da IWF permiten facer un seguimento destas prácticas e incorporar esa información aos mecanismos de vixilancia de PuntoGal.
Unha vez máis, os datos confirman que o dominio .gal permanece libre deste tipo de actividade, consolidándose como un espazo seguro e de confianza para persoas, empresas e organizacións”, salientan dende a entidade xestora do dominio galego.
Coa sinatura do convenio de colaboración en setembro de 2024, PuntoGal reforzou o seu compromiso coa protección da comunidade na Rede e coa promoción dun ecosistema dixital baseado na confianza, a responsabilidade e as boas prácticas.
PuntoGal reforza o seu compromiso cunha Internet máis segura xunto á IWF
Compartir Este Artigo
