O programa Competencias Dixitais Básicas concluíu con máis de 186.000 persoas no marco da iniciativa Xeración D (Generación D) a través de cursos presenciais impartidos en todas as comunidades e cidades autónomas. Impulsado por Red.es, entidade adscrita á Secretaría de Estado de Dixitalización e IA, e cun orzamento de 45 millóns de euros de Fondos Next Generation EU, ata o pasado 30 de xuño o programa impartiu preto de 1,5 millóns de horas de formación con cursos de 8 horas de duración, sendo máis do 60% das persoas formadas mulleres.
En Galicia o programa concluíu con preto de 13.500 persoas formadas en Galicia no marco da iniciativa Xeración D, con máis de 1.700 edicións e preto de 107.500 horas de formación presencial.
A metodoloxía do programa baseouse en formación presencial en grupos reducidos, deseñada para favorecer unha aprendizaxe práctica e adaptada ás necesidades de cada participante. Foi, en palabras de Red.es “unha fórmula especialmente axeitada para os colectivos destinatarios do programa: persoas maiores de 60 anos, con discapacidade, vulnerables e sen competencias dixitais básicas”.
As persoas participantes adquiriron coñecementos en competencias dixitais que lles axudarán na súa vida cotiá para participar de forma activa na sociedade dixital, como realizar trámites coas administracións públicas, utilizar aplicacións de banca e compras enliña, comunicarse mediante ferramentas dixitais, navegar de forma máis segura por Internet ou utilizar recursos dixitais orientados á procura de emprego e a mellora profesional.
Ademais da formación, os asistentes contaron con titorías para resolver dúbidas e reforzar os coñecementos adquiridos durante os cursos.
Os itinerarios formativos organizáronse en sete áreas temáticas: A túa contorna dixital, Xestión do tempo libre, Comunicación e redes sociais, Seguridade e protección, Mellora a túa vida laboral, Ideas para o teu negocio e Benestar dixital e acompañamento.
A temática con maior participación foi A túa contorna dixital, centrada no uso práctico da tecnoloxía para as xestións habituais da vida cotiá.
As accións formativas desenvolvéronse na totalidade das comunidades autónoma e provincias, así como en Ceuta e Melilla.
Ao longo da execución do programa formouse a unha media de 730 persoas cada día, logrando contar con 16.000 participantes ao mes durante 2026.
A execución dos cursos realizouse a través de dez entidades de referencia no ámbito da formación aos colectivos obxecto do programa, seleccionadas por convocatoria pública: Fundación ONCE, Fundación La Caixa, Fundación Secretariado Gitano, Adecco Formación, Telefónica Educación Dixital, Euroformac, G12 Grupo Empresarial de Servicios, Fundación Orange, Orange e Fundación Cibervoluntarios.
A finalización do programa coincide coa publicación do Informe sobre o Estado da Década Dixital 2026 da Comisión Europea. Segundo os datos de Eurostat utilizados neste informe, o 66,5% da poboación española de entre 16 e 74 anos conta con, polo menos, competencias dixitais básicas, fronte ao 60,4% da media da Unión Europea.
O informe destaca, ademais, o papel de Red.es na execución da estratexia dixital española e recoñece a contribución de iniciativas impulsadas pola entidade en ámbitos como a capacitación dixital da cidadanía, a dixitalización empresarial e o impulso á intelixencia artificial.
Red.es forma a máis de 186.000 persoas en competencias dixitais básicas, 13.500 en Galicia
Compartir Este Artigo
