O Consello da Xunta aprobou a tramitación dun novo contrato para adquirir máis de 8.000 ordenadores ultraportátiles destinados ao alumnado dos centros educativos galegos no marco do proxecto Abalar EDixgal. A licitación conta cun orzamento de 5,8 millóns de euros (IVE incluído) e prevé un prazo máximo de execución de catro meses desde a formalización do contrato.
A actuación permitirá dar continuidade ao primeiro eixe do proxecto Abalar, centrado na dotación de infraestruturas e equipamentos tecnolóxicos para os centros públicos de Galicia. Os novos equipos saen a licitación cun prezo unitario de 590 euros, fronte aos 365 euros fixados no contrato de 2021. O incremento atribúese ao encarecemento dos compoñentes e á incorporación de especificacións técnicas máis avanzadas.
Os ordenadores estarán destinados ao alumnado participante en EDixgal. Trátase de equipos ultraportátiles convertibles con teclado integrado, que tamén inclúen adaptadores de carga compatibles cos armarios Abalar presentes nos centros educativos, así como unha bolsa para o seu transporte.
Posto en marcha en 2010, o proxecto Abalar busca impulsar a integración das tecnoloxías da información e da comunicación na educación. Ademais da dotación de infraestruturas e equipamentos, inclúe actuacións relacionadas coa formación, o fomento da cultura dixital, os contidos educativos dixitais e a participación da comunidade educativa.
Na actualidade, todas as aulas do sistema educativo público e concertado de Galicia dispoñen de paneis dixitais e equipamento informático. Preto de 600 centros, con máis de 60.000 alumnos, participan ademais no programa híbrido EDixgal, que combina contidos analóxicos e dixitais.
A Xunta destina preto de 6 millóns de euros á compra de máis de 8 mil portátiles para o alumnado
Compartir Este Artigo
