
Algúns monitores da gama UltraGear de LG estarían a provocar a instalación automática de software en equipos con Windows 11 a través de Windows Update, sen solicitar autorización ao usuario. A situación, documentada por GamersNexus e por numerosos usuarios en Reddit, xerou preocupación polos seus posibles efectos sobre a privacidade e o control do sistema.
Segundo comprobou GamersNexus, ao conectar determinados monitores LG UltraGear (como o modelo 34GX900A-B) a un PC cunha instalación limpa de Windows 11, o sistema descarga e instala automaticamente unha aplicación asociada ao monitor. O proceso realízase de forma silenciosa, sen mostrar ningunha xanela de confirmación nin pedir o consentimento do usuario.
A polémica débese a que o software instalado inclúe promocións da solución antivirus McAfee e compoñentes que distintos usuarios cualifican como adware, ao mostrar publicidade para contratar servizos adicionais. Ademais, segundo a análise de GamersNexus, a aplicación solicita permisos amplos, entre eles acceso aos recursos do sistema, datos de xeolocalización, actividade en liña e información de contactos.
As primeiras denuncias apareceron en Reddit, onde varios propietarios destes monitores afirmaban recibir publicidade de McAfee malia non instalar nunca ese software. GamersNexus reproduciu o comportamento en condicións controladas, confirmando que a instalación se produce automaticamente durante a configuración do monitor.
O caso reavivou o debate sobre o uso de Windows Update para distribuír aplicacións vinculadas a periféricos e sobre os límites da instalación automática de software por parte dos fabricantes de hardware. Varios usuarios preguntan xa se outros fabricantes de monitores empregan mecanismos semellantes.
Polo momento, LG non publicou unha explicación sobre este comportamento nin aclarou se ten previsto modificalo. A falta dunha resposta oficial, a situación podería afectar á confianza dos usuarios, especialmente entre o público afeccionado aos videoxogos, que adoita prestar especial atención á privacidade e ao control do seu equipamento.
Os modelos nos que se detectou este comportamento inclúen os seguintes: LG 34GX900A-B, LG 45GX950A-B.AEU, LG 32GS95UE-B, LG 39GX950B, LG 27GP83B-B, LG 27GN800 e LG 27GN850-B. A listax non se considera definitiva e existe a sospeita de que outros modelos da familia UltraGear tamén poderían verse afectados. Polo momento descoñécese o alcance exacto do problema.
ACTUALIZACIÓN: LG reaccionou á denuncia realizada por varias publicacións en liña co seguinte comunicado: «LG Monitor App Installer distribúese a través do proceso oficial de Microsoft e foi deseñado para facilitar o acceso a aplicacións opcionais de LG que melloran a funcionalidade, a produtividade e a personalización dos monitores. Ningún software adicional, como McAfee, se instala automaticamente nin sen o consentimento expreso do usuario. Durante un período limitado amosouse unha recomendación opcional de software dentro do proceso oficial de distribución de Windows, cuxa instalación requiría unha acción activa por parte do usuario. LG retirou esta recomendación tras analizar as opinións recibidas e mantén o seu compromiso coa transparencia, a privacidade e o control do usuario sobre as funcións e servizos utilizados nos seus produtos».
Vídeo de GamersNexus sobre o tema
