O pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo aprobou este martes 21 de xullo os orzamentos para 2027. Fíxoo cun programa de investimentos para a área viguesa de máis de 123 millóns de euros, (123.528.444 euros), un 47,6% máis que en 2026, para seguir impulsando o desenvolvemento económico e a xeración de emprego. En canto á previsión plurianual a estimación de investimentos para o período 2027-2030 é a máis alta da historia do Consorcio, ascendendo a máis de 500 millóns de euros, cun incremento do 31,6% con respecto aos orzamentos do exercicio anterior.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, sinalou que “en 2027 volveremos ser o principal axente investidor na área para seguir potenciando o tecido empresarial, xerando riqueza, creando emprego cualificado e avanzando nos nosos proxectos estratéxicos, marcados pola innovación, a nova economía e os novos sectores industriais”.
O delegado destacou que “2026 foi un ano moi ambicioso co inicio das obras da fábrica de semicondutores fotónicos ou dos edificios do VgoTIC Global HUB en López Mora. O ano que vén temos unha folla de roteiro para participar en intervencións urbanas moi potentes e transformadoras, iniciaremos a ampliación dos parques empresariais e interviremos en proxectos moi esperados de vivenda, automoción, emprendemento e seguridade. Seguimos avanzando”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que presidiu o pleno, destacou que este orzamento é “unha acción extraordinaria da máxima importancia que vai seguir adiantando a Vigo no mundo das novas tecnoloxías”.
No capítulo de investimentos en activos fixos destaca a partida de máis de 22 millóns de euros para o VgoTIC Global HUB; 19,6 millóns para a ampliación, a mellora e as novas infraestruturas do Parque de Balaídos; 7,6 millóns de euros para a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL); 7,1 millóns para as naves loxísticas da PLISAN e 1,2 millóns para a do Porriño; 2 millóns de euros serán destinados á planta de produción de semicondutores fotónicos (SPARC); 3,3 millóns para a construción do World Car Center; case 1 millón de euros para Porto do Molle e 4,5 millóns para actuacións de eficiencia enerxética. Ademais, destinarase case 1 millón de euros para o futuro aparcamento da Balsa-VG20; 1 millón de euros ao Viveiro de Empresas e Centro de Negocios de Redondela e 2,7 millóns para a implantación de novos centros de negocios noutros puntos da provincia.
Por outra banda, ademais de 5,2 millóns que se investirán o próximo ano no proxecto da Panificadora de Vigo, o orzamento tamén contempla unha partida cun investimento moi relevante de 33,2 millóns de euros para diferentes intervencións urbanas. Destacan a adquisición e adaptación dun edificio para albergar empresas do HUB Audiovisual; o proxecto de desenvolvemento urbanístico do ámbito de Guixar; ou o investimento nas dotacións de diferentes aparcamentos, entre eles o da ETEA.
Doutra banda, os investimentos previstos relacionados coa dotación de solo industrial para a mellora e impulso de parques empresariais como a PLISAN, o PTL ou para os novos parques que Zona Franca está a impulsar en Cuntis, A Caniza ou A Pasaxe en Gondomar, entre outros, ascenden en 2027 a 4,8 millóns de euros.
VgoTIC Global HUB
O futuro Centro de Negocios Vgo TIC Global HUB ocupará un conxunto urbano formado por un total de catro edificios situado entre as rúas López Mora, Tomás A. Alonso e Arquitecto Pérez Bellas.
Tratarase dun conxunto de catro inmóbeis de servizos para o ámbito empresarial tecnolóxico destinado a replicar as experiencias aprendidas no resto de centros de negocios desenvolvidos polo Consorcio no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e, tamén, a dar acollida a novas experiencias e atenda a novas demandas dentro do contexto social e empresarial dos novos tempos.
O conxunto de edificios, que se coñecerá como o VgoTIC Global HUB, aloxará a sede dun centro de negocios e emprendemento, un centro de desenvolvemento de I+D, así como zonas de aparcamento e usos complementarios de utilidade que cubra algunha carencia de determinados espazos ou actividades na zona, na cidade, na área metropolitana ou mesmo en ámbitos nacionais e internacionais.
Con esta actuación, búscase dinamizar a economía, intercambiar o coñecemento, ofrecer ao mundo empresarial e autónomo espazos necesarios para a súa actividade e crear as sinerxías necesarias para consolidar un mercado de empresas actualizado e competitivo.
A Zona Franca destinará 22 millóns de euros ao HUB TIC de López Mora
Compartir Este Artigo

