A rede social TikTok e o seu notable crecemento internacional nos últimos anos está no alicerce dunha recente investigación do grupo Novos Medios da USC, que pon o foco no ámbito do xornalismo e na presenza cada vez maior de contidos periodísticos no seu seo (e tamén de profesionais). Medios e profesionais tiveron que adaptarse a este novo ecosistema dominado polo algoritmo “no que impera a velocidade, se desdebuxa a marca informativa, aparecen outros actores alternativos e prolifera a desinformación”, sinala a investigación.
O libro TikTok Journalism: News, media, and journalists in the short video era, que acaba de publicarse coa editorial Peter Lang e conta co apoio do grupo de investigación Novos Medios e do IDEGA, recompila investigacións e perspectivas internacionais sobre a evolución e os desafíos da información e do xornalismo en TikTok. Trátase dunha obra colectiva que reúne 58 autores de 15 países, entre os que se atopan moitos dos pioneiros neste obxecto de estudo.
Os docentes e investigadores do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC Jorge Vázquez-Herrero, María-Cruz Negreira-Rey e Ana-Isabel Rodríguez Vázquez son os editores do libro. Antes desta publicación realizaron algunhas das investigacións pioneiras sobre a adaptación dos medios e dos xornalistas a TikTok ou os métodos para o seu estudo, recoñecidas nalgunhas das revistas científicas máis destacadas da área polo seu impacto e difundidas en congresos internacionais de referencia.
Para Vázquez-Herrero, profesor titular de Xornalismo, “esta obra colectiva é froito dun intenso traballo de colaboración internacional e unha das compilacións máis amplas sobre o xornalismo en TikTok como fenómeno global”.
O libro será de acceso aberto no transcurso dun ano e os editores agardan que sexa unha contribución de valor para a academia e o sector.
O libro componse de 31 capítulos estruturados en cinco seccións, nas que se debullan algunhas das características diferenciadoras da plataforma e das claves para a súa investigación, se estuda a adaptación dos medios de comunicación á rede social, o papel dos xornalistas, a relación coas audiencias e outros actores da esfera pública, así como a desinformación e a verificación dos feitos en TikTok.
A recoñecida profesora e investigadora Claudia Mellado, da Pontificia Universidad Católica de Valparaíso, prologou a obra, recoñecéndoa coma “unha análise exhaustiva e oportuna do fenómeno do xornalismo en TikTok, que desentraña as súas múltiples capas con rigor intelectual e amplitude empírica”.
Tamén contou coas recomendacións dos académicos Seth C. Lewis, da University of Virginia, quen destacou que o libro “marca o camiño para comprender como os vídeos curtos, a cultura algorítmica e a lóxica das plataformas están transformando a información”, e Edson Tandoc, da Nanyang Technological University Singapore, que o cualificou como “un espazo para unha reflexión crítica necesaria sobre o que é o xornalismo, que debera ser en que podería converterse”.
O grupo Novos Medios da USC constata o importante crecemento do xornalismo en TikTok
Compartir Este Artigo

